Grazie Paolo
Entre as brétemas que se cernen sobre o ciclismo actual surxe a figura dun grandísimo corredor que co seu esforzo e a súa entrega devolve a ilusión ao aficionado por un deporte repudiado e maltratado, especialmente polo propio sector ciclista (UCI - Unión Ciclista Internacional) e pola prensa internacional. Este deporte, tan necesitado dunha figura que conduza ao pelotón nunha cruzada fronte aqueles empeñados en acusar sen probas, en destrozar a credibilidade de corredores e técnicos e as súas carreiras profesionais, en impedir que os corredores cumplan co seu traballo. Esa figura ven pode ser o italiano Paolo Bettini, que onte revalidou o seu título de campión do mundo de ciclismo en ruta na cidade alemana de Stuttgart.
Un corredor capaz de gañar etapas en calquera carreira de prestixio, ser campión olímpico e dobre campión mundial, decidiu retar a dictadura da UCI negándose a firmar un compromiso moral antes deste mundial, que non representa ningún compromiso legal (eu case diría que tampouco moral) e que atenta en certa maneira contra a presunción de inocencia dos ciclistas (que as veces parece que non son persoas) e á súa dignidade e recoñecento a un traballo realizado. Moitos ciclistas, únicamente inducidos polo temor de non poder disputar o mundial cederon as pretensións cacicais da UCI, pero Paolo plantou cara e foi duramente castigado pola prensa, especialmente alemana, con inxurias e mentiras respecto a súa profesionalidade.
Un corredor que endexamais levantou sospeita algunha, que apoiou a loita antidopaxe de xeito racional, non como unha cruzada irracional máis propia da Inquisión, que non deu positivo en ningún control antidopaxe, foi acusado de incitación ao dopaxe e por riba de que el non escapaba a esos actos deplorables, sen proba algunha. Un falar por falar que seguramente fixo moito dano a un corredor exemplar no plano persoal. Sen ningunha dúbida esta serie de acontecementos enrabietaron ao ciclista que decidiu contestarlles a todos eles sobre o asfalto, como fan os grandes corredores.
Este domingo chegaba unha das citas máis importantes do ano no calendario ciclista. Un mundial precedido dunha polémica sen iguais, nun ano convulso para o ciclismo, a UCI, atosigada pola presión das autoridades de Stuttgart (temendo pola mala imaxe de certos corredores), deciciu quentar aínda máis ese caldeiro que algún día acabará por estourar. Tentou impedir a participación de varios ciclistas supostamente vinculados coa dopaxe como Valverde, pola Operación Puerto, ou nesta semana, Bettini polas razóns que xa comentei. Por sorte para todos, estas accións que rozan o límite da legalidade, non prosperaron e ambos puideron participar, con sorte desigual.
Deixando atrás toda a polémica previa do mundial, comentarei moi brevemente que me pareceu esta proba. Un mundial menos duro a priori que en anos anteriores vendo o perfil do circuito, acabou por resultar máis selectivo debido ao desgaste provocado polo ritmo imposto polos corredores, ávidos de protagonismo, especialmente a selección italiana, contaxiada pola rabia de Bettini. Italia decidiu endurezar a carreira dende o comezo e abofé que o logrou, rompendo en mil pedazos os plans conservadores da selección española. España, con tres bazas de renome, Freire, Valverde e Samuel Sánchez acabou por pagar o afán de control da carreira nun intento de garantizar a chegada ao sprint que servira en bandexa o triunfo a Freire. Sen embargo, Paolo non estaba pola labor de entregar o triunfo nunha volatta favorable ao tricampión do mundo. O final como sempre, batalla entre Italia e España, que se levou a primeira por mover mellor os seus peóns e sinxelamente porque Bettini era o máis forte.
Cando só restaba unha volta e media para o final, no único repeito de entidade do circuito, Italia decidiu reventar a carreira. Ataque duro de Rebellin, segundo en discordia da selección italiana, e intento frustrado de Joaquín Rodríguez de engancharse á roda deste. España, collida a contrapé, decide queimar aos seus homes na procura de abortar a escapada de Rebellin, xa que as demais seleccións nacionais favoritas preferían non inmiscuirse na loita e deixaron a responsabilidade da persecución a selección española. Este traballo extra rompe os plans de Paco Antequera (seleccionador nacional) e elimina a maioría da representación española do grupo principal. Esvaécense as posibilidades de controlar as escapadas na parte final para chegar ao sprint.
Entre tanta desfeita española, na última volta, Samuel decide atacar no repeito duro, de forma sorprendente, xa que desa maneira elimina tódalas opcións de Freire. Bettini responde e contrataca formando un pequeno grupo onde non entra Samuel por moi pouco. Debacle española. Chegando a meta, dous grupos con opcións de triunfo. O grupo de cabeza formado por Bettini, o máis rápido chegando sen dúbida, o sorprendente Kolobnev, "pegamentos" Evans, Schumacher (non o piloto) e un excesivamente xeneroso Frank Schleck. E no grupo de atrás tirando os holandeses, con Samuel á espera. No grupo de cabeza todos colaboran pero especialmente Schleck que, ante a sorpresa de todo o mundo, decide enterrar as súas opcións de medalla tirando do resto do grupo, que xa sabe que vai pelexar pola plata. Recta de meta e victoria clara para un Bettini enrabietado, merecido vencedor do maillot arcoiris que identifica ao campión do mundo.
Respecto á selección española a valoración é sinxela. Os corredores encargados de controlar a carreira e traballar para os tres líderes, na súa liña. Valverde mal, pero é lóxico tendo en conta a súa falta de competición e toda a presión mediática que sufriu durante o último mes. Despois de todo o esforzo das autoridades españolas por lograr que a UCI aceptara a participación de Valverde no mundial, éste non estivo á altura. Freire non tivo opcións reais en ningún momento, xa que o ataque de Bettini foi demasiado duro para un corredor das súas características. E Samuel salvou un pouco os mobles no equipo pero faltoulle uns gramos de forza para aguantar o brutal ataque de Bettini.
No hay comentarios:
Publicar un comentario