miércoles, 20 de junio de 2007

Heroes, unha agradable sorpresa

Despois dunha semana, por fin acabei de ver a primeira tempada da serie de moda, Heroes. Esta serie presentábase como unha aposta moi arrisgada (ao meu entender) da NBC para facer fronte ao éxito que estaban acadando outras cadeas americanas como FOX con 24, Prison Break ou House, ABC con anatomía de Grey, ... Como supoño que saberedes, esta serie parte da idea de que a mutación xenética na especie humana non só é posible, senón que ademais se está convertendo nunha realidade nos nosos días, aparecendo repentinamente seres con poderes impresionantes derivados da propia mutación.

Digo que se trata dunha aposta arriscada por que con este plantexamento calquera pode pensar que se trata da típica serie de ciencia ficción donde uns guionistas descontrolados, ante as posibilidades que ofrece este xénero, déixanse guiar por historias inverosímiles "fumándose" os límites e acabando coa paciencia dos seguidores máis fieis. Ademais as comparación son innevitables, quen non pensou que esta serie non sería máis que a recreación na realidade dos X-Men.



Pois realmente polo que a min respecta esta serie convenceume e acabei con moi bo sabor de boca. Recomendada para todos os que vos fiedes da miña opinión (a maioría sabe que cando digo que algo me gusta ten que ser bo).

Gustoume por que se trata dunha colección de historias, todas relacionadas entre sí, dunha forma coherente algunhas, ainda que outras parecen máis forzadas, e que son contadas de forma ordenada e pausada, sen precipitar nin acelerar acontecementos ata que ao final se pode percibir como cada unha encaixa perfectamente na historia global e ten o seu sitio na complicada trama elaborada polos guionistas (sempre hai algunhas excepción). A ver se aprenden outros guionistas que non saben manexar varias historias paralelas atropelando acontecementos, intentando transmitir un montón de cousas sen demasiado orde e con certa sensación de improvisación (recordemos Prison Break; polo menos 24 ten unha secuencia temporal que aínda que se repite tempada tras tempada non martiriza a paciencia do espectador).
Retomando Heroes. Nos primeiros capítulos presentan pouco a pouco os persoaxes, "heroes", que van ter unha maior importancia na trama. Mostran a súa vida no momento actual e como moitos deles se ven superados polo descubremento da súa "habilidade" reaccionado de diferentes formas. Pouco a pouco as historias vanse entrelezando, aparecendo novos convidados (parece que todo o mundo ten poderes ao final) e preséntase o motivo que desencadeará toda a acción ao final da tempada. Seguindo dunha maneira pausada, sen acelerar acontecementos, vai crecendo pouco a pouco o ritmo dos capítulos para chegar a un desenlace con certa tensión pero un pouco falto de acción (comparado con outras series de este tipo). Ben é certo que podía ser peor se houbera un intento desbocado de ofrecer únicamente entretemento, con efectos especiais esaxerados que non pegaría nada ben no contexto xeral da serie.

Outro aspecto interesante da serie é que ofrece diferentes reaccións fronte a revelación pública dos heroes. Non existe o típico malo, como tal, existen diferentes interpretación dunha mesma realidade. Aqueles que se negan ante a súa condición de especiais, aqueles que asumen tal condición, asumen o seu rol de heroes e intentan salvar o mundo por que cren que merece a pena intentar construír unha realidade mellor, aqueles que se sinten ameazados pola aparición de estes seres e intentan controlalos (de que me sonara esto) e aqueles que sabendo a inutilidade de salvar un mundo ferido pola propia esencia autodestructiva do home, queren aproveitar o siniestro destino para crear un novo concepto de mundo basado no medo, "A xente encontrará unha sensación de esperanza basada nunha sensación conxunta de medo". Son seducidos polo poder que lograrían e pásanse todo o tempo "chinchando" aos anteriores para que os acontecementos transcurran segundo este destino con tintes apocalípticos. E por último Sylar, do que non penso falar, só hai que velo.


Sentín pavor cando descubrín nun dos primeiros capítulos que unha das persoaxes era capaz de comprimir o espacio e o tempo, vamos que se teletransporta no espacio e viaxa no tempo. Cando nunha serie alguén pode viaxar ao pasado, perde sentido parte da historia, xa que logo se pode cambiar simplemente por que o "iluminado de turno" vai ao pasado e cambia todo. Pero polo menos aquí cortáronse e a pesar de toda a complexa teoría que plantexan os regresos ao pasado, non o salvan demasiado mal (non como nalgunha peli que recordo como Deja Vu).

En definitiva, que vos recomendo ver esta serie se tedes tempo (se estades vendo Prison Break deixádea xa ou seguídea vendo para rirvos un pouco) . A miña recomendación é que a vexades en inglés subtitulada por que gaña bastante respecto a versión en castelán. Para os máis duros podedes seguila na TVG.

No hay comentarios: