jueves, 1 de octubre de 2009

Descubrindo sensacións ...

Despois de levar preto de dous anos asistindo, de xeito máis ou menos continuado, a carreiras populares por toda Galicia, estas dúas últimas semanas, as carreiras do Facho de Hercules en A Coruña e As Dores en Lalín, permitíronme experimentar sensacións como corredor que ainda non vivira, a pesar de que non foran demasiado agradables.

Vaiamos por partes e comecemos pola primeira delas, a I Carreira Popular Torre de Hércules, que se disputou o domingo 20 de setembro nunha cidade "engalonada" para festexar que a UNESCO, por fin, declarou patrimonio da humanidade o Facho de Hércules, algo que lle fai sacar peito a todos esos coruñeses que tan orgullosos están de vivir na Alexandía contemporánea. A carreira constaba dun percorrido de aproximadamente 6,3 kms que comezaba na explanada do Facho, transcorría polo paseo marítimo dirección castelo de San Antón onde se xiraba para voltar cara o Facho pola zona de Adormideras, rematando ao pé de tan maxestuoso monumento que moitos corredores comparaban co final na praza do Obradoiro da pedestre de Santiago (se comparamos o Facho de Hércules co Faro de Alexandría, pois sí ...). Na fotografía podedes apreciar o recorrido completo.


A súa corta distancia e o feito de coñecer perfectamente o recorrido, por onde habitualmente adestro, convertíaa no escenario perfecto para probar o meu estado de forma de cara as carreiras de outubro, especialmente, Coruña10, a pesar de que a última parte contara con varias subidas que rompían o ritmo. Sen embargo, as cousas nunca saen como a un lle gustaría e todo se foi compricando. En primeiro lugar, as molestias no talón esquerdo, no canto de cesar, íanse facendo máis difíciles de soportar durante os adestramentos. Despois, saída nocturna non planificada o venres pola cidade na que se dorme de pé, coas súas consecuencias: falta de descanso, alcol + tabaco, ... E para rematar, un catarro que me impedía respirar con normalidade.

A pesar de todas estas trabas e cunhas condicións climatolóxicas ideais, diluviando, a ilusión da postcarreira puido máis e presenteime na saída xunto con Panchito "el glu glu" e GasMan, disposto a dalo todo coma sempre sen importarme o tempo final. Primeira sensación novedosa: correr baixo a choiva a todo o que che dan as pernas (non como en Negreira), con resaca diferida(*) e sen poder respirar profundamente. O mellor foi sen dúbida rematar enteiro, sen pillar unha pulmonía e cun tempo bastante aceptable, 28:09, a algo máis de 4:25 min/km. Como premio a este esforzo, o resto do domingo outorgoume a posibilidade de disfrutar dunha excelente postcarreira (legendaria) con copiosa comida e moitas risas con GasMan e Panchito "el glu glu".

Despois do esforzo do domingo esperaba recuperarme ben do catarro e comezar a incrementar a intensidade dos adestramentos para chegar en mellor forma a Coruña10. Sen embargo, ese luns pola mañá deparoume unha desagradable sorpresa: correr a un ritmo alto, forzando, con tantas molestias no talón, fixo que variara a miña forma de correr e, como consecuencia, apareceron molestias no muslo esquerdo, xustamente na zona na que estivera lesionado en primaveira. Así que tocaba parar uns días para evitar lesión máis severas. Como son un cabezota, ou un Bilardo se preferides, e sabendo que o sábado tocaba carreira en Lalín, non me dei por vencido e decidín probar a ir, vendando de xeito compresivo o muslo. Mala idea!!!

Nestas precarias condicións físicas acudín este pasado sábado pola tarde á carreira de As Dores en Lalín. Era o segundo ano que participaba e acordábame perfectamente do percorrido,uns 7,5 kms polo paseo fluvial do río Pontiñas, cun primeiro km descendente, uns 1500 m finais en subida e o resto bastante chan. En compañía de GasMan e Josef acercámonos despois de comer ata Lalín para "disputar" a proba co único obxetivo de acabar, recoller a camiseta e ir a Santiago para despedir ao noso amigo Jaichachu que se nos foi durante case un aniño a terras italianas.

Sen embargo, a sinxela empresa de acabar 7,5 kms convertiuse nunha odisea dende o primeiro kilómetro. A vendaxe compresiva non deixaba subir as tensión do golpeo dos pés contra o chan cara a zona superior do muslo, evitando así a rotura fibrilar, pero todas estas tensións acumulábanse no cuadríceps de tal xeito que, a medida que avanzaba a carreira, cada zancada semellaba un puñetazo nesa zona, ata chegar un punto, ao redor do km 5, no que a dor se fixo insufrible e foi necesario parar. Segunda sensación novedosa: a necesidade de parar de correr durante unha carreira popular e plantexarse o abandono. A pesar de todo, despois de parar durante un par de minutos e andar uns 100 metros, decidín reanudar a carreira dun xeito lento e penoso para evitar o abandono e chegar o antes posible, sendo superado pola maioría de participantes. Sería a miña cabezonería (bilardismo) ou inspirado polo espíritu do grandísimo campeón Pedro Nimo, icono do atletismo galego, admirado polos tifosis populares, o noso Fernando Alonso, un deses grandes homes que forma parte do olimpo dos que nunca se rinden, aqueles que, a pesar das circunstancias, son capaces de superarse a sí mesmos e non poñen excusas... pero, en definitiva, conseguín chegar a meta. E para qué? Para que me deran esa preciosa camiseta conmemorativa diseñada pola Agatha Ruiz de la Prada de Lalín en talla XL, que me queda polas rodillas.

Despois desto, só me queda descansar por un tempo para recuperar a lesión do talón e despois comezar con máis forzas os adestramentos para as vindeiras carreiras.


(*) Término privado co que nos referimos a esa sensación de certa deshidratación e cansanzo que aparece aos dous días despois de saír e que se comeza a notar a medida que avanzan os anos.

No hay comentarios: