sábado, 27 de febrero de 2010

Instalacións deportivas da UDC

A folga de carácter indefinido, covocada polo persoal de ximnasios e complexos deportivos en Galicia, obrigoume a buscar alternativas para continuar cos meus adestramentos de cara as medias de primaveira posto que, o ximnasio ao que habitualmente acudía, permanece pechado dende o día 1 deste mes. Esta intensiva búsqueda permitiume acceder á información das instalacións deportivas que ofrece a Universidade da Coruña e das súas diferentes tarifas.

Para os membros da comunidade universitaria existen dúas maneiras de poder facer uso destas instalacións. Por un lado, pódese solicitar o abono deportivo que custa 30 euros anualmente e que permite acceder a maioría de servizos sen custo adicional e por outro, a posibilidade de facerse socio de forma gratuíta que che permite acceder aos mesmo servizos pero cunhas tarifas diferentes as de abonado.

No pabillón de deportes de Elviña hai dispoñibles numerosas instalacións para uso de socios e abonados. En principio, as máis interesantes para a xente relacionado co mundo do atletismo son:
  • A sala de musculación situada no pabillón de deportes de Elviña. Para poder facer uso desta sala os abonados terían que pagar 30 euros cada cuatrimestre e os socios 50 euros. Non se pode pagar para ir días soltos, hai que pagar a couta total do cuatrimestre. Non está dispoñible para xente que non pertenza á comunidade universitaria. Está aberta de luns a venres de 15:00 a 21:00 dende setembro/outubro ata finais de xunio. Resulta moi económica respecto da maioría de ximnasios xa que, un abonado tería que pagar 90 euros por 9 meses (10 euros/mes).
  • As pistas de atletismo situadas ao redor do campo de fútbol de Elviña. Gratuítas para abonados, teñen un custo de 1 euro/sesión para socios e 2,20 euros/sesión para membros que non pertenzan á comunidade universitaria. Nestes dous últimos casos é necesario sacar unha autorización para o seu uso na administración do pabillón de deportes (1). Tamén existe a posibilidade de sacar un bono de atletismo de 10 sesións que custa 6 euros para socios e 12 para non universitarios e tamén se solicita na zona da administración. As pistas están abertas dende as 15:30 ata as 21.30 de luns a venres.
Estas pistan son de "tartan", son menos duras que o asfalto da carretera ou o hormigón das aceras, polo que os músculos sofren menos impacto e absorben menos vibracións. Son ideais para facer series xa que se nota menos rozamento ao correr e ofrecen maior sensación de velocidade e deslizamento. Outra opción é correr polos arredores do campo de fútbol sobre herba que minimiza máis o impacto sobre o chan e contribúe a fortalecer os músculos posto que, a forza que se require para correr por terreo brando e irregular, é maior. Desvantaxe: para entrear fondo é unha tortura dar voltas e voltas ao mesmo percorrido.

Distancias : 400 m na pista pola calle interior (corda), 450 m na pista pola calle máis exterior e 350 m pola herba ao redor do campo de fútbol.

  • Outro deporte que me gusta practicar, a pesar de que o teño bastante abandoado, é o tenis. En Elviña tamén hai unha pista de tenis que pode ser alugada por membros da comunidade universitaria ou por persoas externas. Os abonados poden disfrutar da pista de xeito gratuíto, os socios teñen que pagar 2,50 euros/hora e persoas alleas á universidade, 6 euros/hora (menuda cravada). No caso de ir xuntas persoas con diferente estatus, cada quen paga o que lle corresponda. A solicitude deberáse facer na administración do pabillón ou no seguinte link.
Podedes completar toda esta información ou ver a correspondente a outras instalacións da UDC neste link do servicio de extensión universitaria.

Pinchade nesta imaxe para agrandar o mapa

(1) A entrada para facer tódolos trámites administrativos: facerse abonado, socio, comprar bono de atletismo, solicitar un permiso para as pistas, alugar pista de tenis, ... está sinalada no mapa como administración e atópase fronte á facultade de maxisterio.

Realidades paralelas

[Aviso de spoilers da season 6]

A sexta tempada de Lost aposta por un novo enfoque narrativo para describirnos a vida dos principais supervivintes do voo Oceanic 815 nunha "suposta" realidade paralela. Este novo recurso narrativo, basado no uso dos bautizados flash-sideways, supón unha volta de tuerca máis da serie para profundizar nesos aspectos claves sobre os que máis incide Lost, dende o seu comezo, entorno as relacións humanas e ao destino de cada persoa. Ademais, o uso dos flash-sideways incorpora un novo elemento narrativo ao rico conxunto de técnicas empregas en tempadas anteriores, composto por flashbacks, flashforwards, flashes temporais de Desmond ou historias que ocorren paralelamente en épocas temporais distintas.

Despois de ver a premiere, unhas das preguntas máis repetidas por tódolos seguidores da serie era qué causou esta realidade paralela. Lóxicamente, existen múltiples posibilidades. De feito, extrictamente dende o punto de vista da física cuántica máis fantasiosa, cada acción ou decisión dunha persoa pode orixinar unha nova realidade paralela. Dentro dese conxunto de infinitas alternativas, as dúas explicacións máis plausibles serían:

1. A explosión de Jughead sobre a bolsa de materia exótica provocou unha fendedura na bolsa e os efectos electromagnéticos resultantes só puideron ser controlados contruíndo a estación Cisne que John e Boone descubriron na primeira tempada. Este incidente creou, ademais, un "agujero de gusano" que trasladou a Jack, Sawyer, Sayid, Katie, Juliet, Hugo e Miles ao ano 2007 e desdobrou a realidade que coñecimos nas cinco primeiras tempadas en dúas, de tal xeito que, na nova realidade, a explosión causaba o afundimento da illa e daba lugar a unha nova cadea de acontecementos que evitaban o accidente do voo Oceanic 815.

2. A nova realidade describe a vida dos nosos protagonistas se Jacob nunca infuira nas súas vidas para atraelos cara a illa e facelos partícipes do seu perverso xogo con Némesis. Este xogo, probablemente, rematou nalgún punto específico do pasado, quizáis na época da iniciativa Dharma, e o resultado final foi o afundimento da illa, evitando ademais a necesidade de atraer novos candidatos para seguir coa partida, polo que o voo de Oceanic nunca se estrelou.


Neste caso, a realidade alternativa mostraríanos como sería a vida daquelas persoas que foron manipuladas por Jacob, no suposto de que eso nunca sucedera. Dende esta perspectiva, resulta curioso ver como o destino dos nosos protagonistas está condeado a cruzarse igualmente pero en situacións ben distintas e menos dramáticas. Ademais, os sucesos que acontecen en cada unhas das súas vidas parecen condealos aos mesmos infortunios da outra realidade, pero en situacións radicalmente distintas. Por exemplo, John Locke está en silla de rodas pero conta co apoio de Helen, con quen está a piques de casar e mantén unha relación, cando menos cordial, co seu pai. Jack nesta realidade está tamén divorciado e parecía ter problemas co seu pai falecido pero, por outro lado, ten un fillo que lle reporta certa ilusión na súa vida (e non ten problemas co alcol). A Hugo tocoulle a lotería pero resulta que agora é un tío afortunado. Noutras palabras, Jacob trenza vilmente o destino destas persoas para arrebatarlles calquera elemento emocional que lles dea unha razón para querer continuar coas súas vidas fóra da illa.

A miña opinión é que esta nova realidade correspóndese coa segunda das posibilidades. Pistas que me levan a pensar eso ... Benjamin Linus e Dogen están fóra de illa nesta realidade, se ben, a cadea de acontecementos que coñecemos, previa a explosión, debería habelos condeado a estar na illa no momento do seu afundimento, concretamente no templo. Cousas que non me acaban de encaixar ... Juliet xa morta dicíndolle a Miles: "It worked". En realidade non sabemos que quere dicir con esta frase pero o máis lóxico sería pensar que se está referindo a que a explosión da bomba funcionou como esperaban e as súas vidas non acabaron na illa. Pero, nese caso, ¿por que a Juliet desta realidade é consciente da súa outra realidade paralela?. O tempo e os seguintes capítulos terán que aclarar todas estas dúbidas.

jueves, 25 de febrero de 2010

O absurdo mundo de Marca

Visto esta semana na versión online dese panfleto pseudodeportivo amarillento que menosprecia noticias relevantes doutros deportes que non sexa fútbol ou que non estén relacionadas co Real Madrid, para deleitarnos con estas exquisiteces periodísticas:

Espectacular portada deste luns 25 de Febreiro.


O notición ao que corresponde a foto neste link.


Nada que obxetar a tan ardua labor periodística. Link a outro notición.

Das poucas seccións que se salvan da súa obsesiva propaganda partidista, absurda e manipuladora, están Tiramillas e Fuera de Juego, nas cales non poden meter baza, quizáis polo banal dos seus contidos. Estas son algunhas das xoias que puidemos ver esta semana nestas dúas seccións menos deportivas e máis erótico-festivas:

Tiramillas: Mulleres e noivas de futbolistas


Fuera de Juego: A ex de Ashley Cole planta ao seu marido por infiel. Pobriño !!!


Máis Fuera de Juego: Hillary Duff comprometida cun xogador da NHL

martes, 23 de febrero de 2010

Lost, unha perspectiva global (II)

Recordando brevemente o que escribía na entrada anterior, a historia que nos intenta contar Lost pódese describir como unha enrevesada partida entre dúas enigmáticas figuras, Jacob e Némesis. Intuímos que ámbolos dous xogan, literalmente, co destino das distintas persoas/pezas que foron pasando pola illa. Cada un dos movementos aillados que semellan facer non parecen seguir ningunha lóxica pero, no conxunto global do xogo, poden revelarse como xogadas mestras. Por eso, teremos que esperar ao final da serie para entender, seguramente, moitas das cousas que, polo momento, parecen carecer de sentido ou non terminan de encaixar. Eso espero!!!Pero, ¿como se gaña este xogo? Nesta versión simplificado da historia, diremos que se pode vencer se anulas tódolos posibles movemento do teu rival. No caso de Némesis anular significa matar indirectamente a tódolos supostos "candidatos". É dicir, debe atopar algunha maneira de manipular as demais pezas (demais xente da illa) para acabar un por un co grupo de "candidatos". Unha boa forma de comezar sería manipulando o elemento máis débil do grupo, por exemplo un Sawyer abatido e moi cabreado, xD. Pero entón, ¿por que mata a Jacob? A resposta rápida sería... porque lle ten gañas. A outra posibilidade é porque matando a Jacob anula a súa influencia sobre o resto de persoas da illa (excepto Hugo).

Con estas cartas na man, situémonos nun instante indeterminado no tempo, no pasado ou no futuro, e sempre establecendo como liña temporal de referencia a actual, a que marcan os supervivintes do voo Oceanic 815. A partir dese instante de tempo x e durante un intervalo de tempo descoñecido, ocorren unha serie de sucesos que levan a Jacob e a Némesis á illa e lle confiren a ésta unha serie de propiedades especiales, como a posibililidade de autodesplazarse no espacio-tempo por "agujeros de gusano", utilizando materia exótica, ou certas propiedades curativas (aínda que esto podería ser obra de Jacob). A orde na que se producen esta serie de acontecementos non é relevante.

Por razóns aínda descoñecidas, ambos individuos adquiren características semidivinas e Némesis é despoxado da súa condición humana e condeado a vagar en forma de fume negro. Nese preciso instante comeza o xogo descrito anteriormente, de tal forma que, se gaña Némesis, a súa recompensa é abandoar a forma de fume negro e a posibilidade de retornar ao seu fogar (onde sexa). Se, pola contra, o gañador é Jacob descoñecemos a súa recompensa. A partir dese momento, Jacob comeza a atraer xente á illa e o xogo desenrólase segundo as regras establecidas con infinidade de movementos que rixen o destino de todo áquel que acaba por convertirse nunha peza máis na partida.

Se facemos caso da conversación que manteñen Jacob e Némesis na praia ao principio da season finale da quinta tempada, dá a impresión de que a partida que estamos a vivir através de Lost non é, nin moito menos, a primeira. Ao contrario, semella que, ao longo da historia, foron moitas as veces que se enfrentaron estes dous rivais, cun final descoñecido. O máis sensato sería pensar que todas acabaron en táboas e con tódalas pezas eliminadas. Esta nova partida debeu comezar nalgún instante de tempo anterior ao naufraxio de Black Rock na illa e prolóngase ata o período actual, momento no que parece achegarse o desenlace.


¿Como encaixa en toda esta teoría?
  • Richard Alpet.
Dúas posibilidades. Foi elexido como unha peza importante por Jacob quen lle outorgou o rol de conselleiro e de enlace con outras pezas menos relevantes (simples peóns), proporcionándolle ademais a capacidade de non envellecer. Ou ben, nalgunha das partidas anteriores, Jacob impúxose no xogo grazas a colaboración de Richard, quen quedou como único "candidato", pasando a convertirse nunha peza tremenda valiosa (peón convertido en reina). ¿Richard é o único que non envellece? Non o podemos asegurar despois de ver á xente do templo. Entón, ¿vivir no templo evita o envellecemento das persoas? ...
  • As peculiares habilidades de Miles para falar con persoas mortas, de Hugo para ver a persoas mortas, de Walt para matar páxaros, ...
O máis sensato é pensar que non son máis que pezas que xogan no bando de Jacob e que, dalgún xeito, foron dotados con algunha habilidade fóra do común para servir aos seus propósitos. ¿Para que pode servir un neno que mata paxaros? ¿Por que o grupo de Iliana tenta disuadir a Miles para que non vaia a illa? Ese é o verdadeiro xogo de Lost... preguntas sen resposta.
  • Desmond
Desmond non encaixa en ningunha teoría comprensible para o ser humano. Un home capaz de revivir a súa vida no medio dunha implosión de materia exótica para acabar cometendo os mesmos erros, simplemente porque "Mrs. Time" lle di que ese é o seu destino. Un home capaz de que a súa consciencia viaxe no tempo ou de percibir os cambios que se producen na súa liña temporal através de soños (despois de falar no pasado con Faraday), non pode seguir ningunha regra física e dudo moito que do propio xogo Jacob vs Némesis. Difícil de explicar pero sempre nos podemos agarrar a frase de Eloise Hawkins, "La isla no ha terminado contigo".
  • John Locke
Claro exemplo de peza escollida por un xogador que acaba servindo aos propósitos do outro. Manipulado por Jacob e Némesis todo o tempo, acaba por autonconvecerse de que está destinado a ser alguén especial e que debe liderar o grupo de "Los otros" na illa cando, en realidade, está sendo guiado cara o seu fatal destino. Enfrentado con Ben por ese liderazgo, resulta curioso que ambos acaben sendo as pezas fundamentais para asasinar a Jacob. Enfrentado con Jack, pola súa condición de home de fé fronte ao home de ciencia, comparte o seu mesmo destino, como "candidato" para que o fume negro use o seu corpo e poder acceder a Jacob. As circunstancias determinan que, finalmente, sea John o elexido.
  • Aaron
Fillo de Claire, sobriño de Jack, parece destinado a desenrolar un papel clave na historia, especialmente despois de que Claire se aparecera nun soño de Katie pedíndolle que non o levara de volta á illa. Parece claro que algún dos dous xogadores (Némesis?) non ten interés en que Aaron regresa á illa. Peza clave no xogo, posible sustituto de Jacob, ... máis preguntas sin resposta.
  • Benjamin Linus, Eloise Hawkins e Charles Widmore
Estos tres persoaxes encarnan a figura de líder operacional do grupo de "Los Otros" fóra do templo, onde o líder espiritual semella ser, dende fai tempo, Dogen. A diferencia de Charles e Eloise, Ben pode ser considerado como a peza mestra de Némesis. Un home manipulador, capaz de convertirse en líder pero, a súa vez, fácilmente manipulable, débil de moral e sen escrúpulos, características que o convirten no candidato ideal para servir aos fins do home de negro. Resulta lóxico pensar que foi Némesis quen moveu os fíos para que Ben fora disparado de neno e salvado no templo, chegando incluso a "visitalo" na forma da súa nai morta. Por outro lado, Ben nunca mantivo contacto con Jacob (segundo as súas palabras) e, ademais, posiblemente o enfurecera cando cambiou a espiritualidade do templo pola comodidade de Dharmaville.

A posición que ocupan Charles e Eloise no taboleiro é confusa e resulta difícil decidir en que bando están. Durante a súa estancia na illa compartían con Richard a responsabilidade de protexer aos demais membros do grupo e acatan as ordes que, supostamente, lles trasmitía Jacob através de Richard, ata a chegada de Ben. Sen embargo, despois de saír da illa, Widmore está obsesionado con voltar e utiliza tódolos seus recursos para conseguilo, mentres Eloise é quen axuda a volver aos Seis de Oceanic. A diferencia do pobre Ben e, incluso de Richard, ambos parecen coñecer a existencia da gran batalla que se aveciña entre Jacob e Némesis. ¿Como poden sabelo se están fora da illa? Son pezas do home de negro dende que estaban na illa ou, de forma similar ao que acontece con Iliana, Jacob foi visitalos para pedirlles a súa axuda. Se me permitides a licencia de apostar, Widmore, fiel a Jacob, e Eloise acaba convertíndose noutra peza máis de Némesis, sen ser consciente.
  • Dogen e os resto de inquilinos do templo
Son persoas que acabaron na illa pola influencia directa de Jacob, algunhas delas supervivintes do naufraxio de Black Rock, e conforman o seu exército principal no caso de necesitar defender as súas pezas clave.
  • Viaxes no tempo e demais propiedades pseudofantásticas (non pseudofísicas) da illa
Os movementos espacio-temporais da illa son causados por diversos efectos electromágneticos (ex: o efecto Casimir), causados pola presenza de bolsas de materia exótica, que permiten crear "mini-agujeros de gusano". Falando en serio, o taboleiro sobre o que se desenrola a partida posee unha serie de características especiais que poden ser aproveitadas e deben ser consideradas polos xogadores para realizar cada un dos seus movementos. Podemos pensar que é unha forma de darlle máis emoción á partida.
  • Os números chungos
Son os coeficientes da ecuación de Valenzetti que predice o momento exacto no que a humanidade se extinguirá a sí mesma. Ademais, cada un destes números está asociado a algún dos "candidatos" que quedaban sen tachar. O patrón para asociar números e "candidatos" non é coñecido polo de agora pero parece ter gran unha relevancia.

Seguro que despois de ler estas interminables entradas, seguides tendo centos de dudas sobre cómo encaixar as pezas do complexo puzzle creado pola serie, pero neso reside precisamente a súa grandeza ou o seu punto máis débil, dependendo de como se mire. Calquera cousa que se vos ocurra que non encaixe, comentario e tentaremos darlle unha explicación. Comezo eu: ¿Por que Sun non viaxou ata 1977? ¿Cal e a súa relevancia na partida?

PD: O 23 de Maio vou reler esta entrada e votarme unhas risas do perdido que estaba a tan só 12 capítulos do final da serie.

lunes, 22 de febrero de 2010

Lost, unha perspectiva global (I)

A avalancha de información do capítulo 6x04, "The substitute", a necesidade inherente do ser humano de intentar buscar unha explicación racional daquelo que non comprende e, sobre todo, o marcado carácter social que adquiriu esta serie dende o seu comezo, (quizais tamén axudou o non ter moito que facer), motivou numerosas conversacións, dende o mércores, nas que teorizamos e teorizamos sobre posibles explicacións do que aconteceu, está a acontecer e acontecerá na illa. Mantendo estas trascendentais conversas deime conta do desorden xeralizado que existe na miña cabeza cando intento comunicar as miñas reflexións, asi que nun alarde de autodisciplina vou tentar poñer en orden todas estas ideas e deixar constancia da miña teoría global sobre Lost nesta entrada da forma máis clara e estructurada posible.

[Esta teoría non contén nin está basada en spoilers de episodios posteriores ao 6x04. Calquera parecido coa explicación real é pura casualidade]

Para tal propósito vou recurrir a outra das analoxías máis empregadas no universo Lost. Imaxinemos que a fastuosa partida que parece ter lugar entre Jacob e Némesis (ou como vos apeteza chamalo) pode ser vista coma unha partida de xadrez entre dous xogadores, onde o taboleiro é a illa e as pezas son as persoas que estiveron ou están sobre ela. Do mesmo xeito que no xadrez existen unha regras, este perverso xogo ten as súas propias, das cales apenas coñecemos algúns detalles. Ademais, dun xeito similar ao que acontece neste milenario xogo, as pezas son movidas polos xogadores sobre o taboleiro cun determinado propósito que lles permita tomar vantaxe sobre o rival e gañar a partida. E, seguramente, deba existir un certo concerto e unhas restriccións á hora de movelas. Lóxicamente, non tódalas pezas teñan porque ter a mesma relevancia.


Os xogadores parecen ser Jacob e Némesis, aínda que esto non o sabemos con total certeza. Pode que eles sexan as pezas principais dos verdadeiros xogadores. Ademais, en calquera xogo e, máis nun coma éste con implicacións tan trascendentais, debe existir unha especie de árbitro ou alguén que vixíe pola correcta aplicación das normas. Podemos pensar que o neno rubio que se lle aparece a Némesis xoga ese rol, que non o coñecemos aínda ou que, en realidade, non existe tal figura.

Cada un destos dous xogadores poseen unha serie de "habilidades" que deben empregar para mover convenientemente as súas pezas e acercarse á victoria. Jacob aparece como un manipulador que dirixe o destino das persoas para atraelas cara a illa e que sirvan ao seu propósito, proporcionándolles unha falsa sensación de liberdade de elección, de libre albedrío. Outras habilidades de Jacob por agora permanecen ocultas. Tamén podemos asumir, polo momento, que Jacob é mortal a pesar da súa apariencia divina.


Pola contra, sabemos con certaza que Némesis pode materializarse en persoas que están mortas para manipular ou influír decisivamente nas que están vivas, através das inquitantes "aparicións" que vimos dende o principio. Tamén pode "reclamar" a persoas que, supostamente, deberían de estar mortas. Vamos a supoñer que reclamar significa, en certa maneira, reclutalas para o seu fin, convertilas nas súas pezas. Se ben, a principal "habilidade" de Némesis é a súa facultade para desplazarse pola illa a gran velocidade e a súa atroz capacidade destructiva convertido nunha columna de fume negro.

Mentres Jacob parece identificarse coa figura do destino, Némesis parece afondar nos temores, medos e na culpabilidade das persoas que "visita" e acostuma aparecer asociado coa figura da morte. A súa principal debilidade é que non pode atravesar espacios protexidos por algún tipo "especial" de ceniza, podendo incluso ser confinado nun círculo de ceniza como aconteceu na famosa cabaña que vimos no capítulo 4x11, "Cabin Fever". Sen embargo, semella que non pode ser directamente asasinado, a diferencia de Jacob.

¿Cal é o propósito destas dúas persoaxes? Atendendo a season finale da quinta tempada, Jacob móstrase como unha "persoa" que confía na existencia dunha natureza bondadosa no ser humano entre toda a imperfección e a vileza que amosan, mentres Némesis parece estar resignado e sen esperanza despois de moitas experiencias negativas. Nese momento podíamos pensar que se buscaba facer unha analoxía bíblica, onde Jacob representaba o ben, a compresión e encarnaba o perdón, namentres Némesis todo o contrario. Dende ese punto de vista, Jacob atraería xente á illa para probar as súas ideas, a súa fé na condición humana, fronte a un Némesis que intentaría manipular e envenenar a alma dos humanos para espertar o seu lado máis malvado.

Sen embargo, logo dos catro primeiros episodios desta sexta tempada, a dimensión metafísica da serie parece que comeza a impoñerse e a idea dunha batalla existencial entre estas dúas figuras colle forma. O seu propósito será, polo tanto, gañar a partida. ¿Cómo remata o xogo e cómo gaña cada xogador? Aínda non o podemos saber con certeza pero xa coñecemos a versión dun dos xogadores, agora faltaría coñecer a do opoñente.

Respecto as regras do xogo, temos moi pouca información. Sabemos con exactitude que Némesis non pode matar directamente a Jacob e sospeitamos que tampouco pode matar aos chamados "candidatos", como Sawyer. Ten que manipular a xente máis débil da illa, como un Ben consumido por sentirse culpable pola morte da súa filla, para logralo. Persoalmente, intúoo que Némesis busca acabar con Jacob e os demais candidatos, pero para iso teríamos que explicar con algo máis de detalle en que consiste o xogo, o que quedara para a seguinte entrada.

viernes, 19 de febrero de 2010

Analizando Lost ...

Inexorablemente vaise aproximando o final dunha das mellores series de TV de tódolos tempos, Lost, e con el a necesidade de dar respostas a tódalas incógnitas plantexadas ao longo das 5 primeiras tempadas. Unha das mellores e máis usadas metáforas para describir o universo Lost é a dun enorme puzzle onde tódalas pezas encaixan perfectamente para crear un maxestuoso lenzo repleto de sutís matices que combinan mitoloxía, pseudofísica, filosofía, relixión, ... mediante un estilo narrativo único e que evoluciona a medida que avanza a trama (flashbacks, flashforwards, flashes, flash sideways). E o mellor de todo é que, a pesar desto, Lost segue sendo unha serie plenamente orientada aos persoaxes, centrada nas súas relacións, nas consecuencias das súas accións e na forma na que reaccionan ante o que acontece nas súas vidas.

[Aviso de spoilers do episodio 6x04]

Despois de ver o último capítulo da season 6, "The substitute", tiven a sensación de estar asistindo atónito a un bombardeo a discreción de pezas dese xigantesco puzzle de Lost por parte de Damon Lindelof e Carlton Cuse que, polo momento, non sabemos moi ben cómo e onde encaixar pero que, antes ou despois, acabaremos por ubicalas no seu correspondente lugar dentro do tapiz para descifrar, dunha vez por todas, ese gran misterio que nos mantivo enganchados dende o piloto. A única dúbida que me queda é saber se tódalas pezas encaixaran para darlle á historia un sentido global coherente ou empregaran pezas "comodín", decantando a balanza cara o lado máis metafísico da historia, onde todo vale. Esa será a diferencia entre formar parte, como espectadores, da máis maravillosa e asombrosa partida endexamais imaxinada ou ser en realidade nós as pezas do maior embeleso da televisión.

Reveladora imaxe para promocionar a season 6 - ¿Contei eu mal ou hai 14 persoas?

Interesante forma de presentarnos unha nova clave para descifrar o enigma do que está pasando en Herbert Jablonski, empregando unha fina analoxía cunha das imaxes que maior controversia despertou ao longo da historia e que, presuntamente, agocha a chave para comprender un dos maiores misterios da nosa sociedade. Aparte da singular imaxe anterior (que cadaquén saque as súas propias conclusións), o segundo visionado do capítulo deste martes e as dificultades para conciliar o sono, fixéronme reflexionar sobre un dos fénomenos máis fascinantes da realidade máxica creada por Lost, as "aparicións" de persoas supostamente mortas ou que non deberían estar na illa. Ex: Christian Shepard, a nai de Ben ou o propio Walt.


Despois de ver a impresionante season finale da quinta tempada, tódolos amantes de Lost, eu entre eles, asociamos estas "aparicións" a unha materialización do fume negro, antiJacob, Némesis ou o tío de negro que charlaba na praia con Jacob, na forma dunha determinada persoa. Sen embargo, a extraña irrupción en escea dun neno rubio coas mans ensangrentadas que deixa desconcertado a fume negro, xa materializado en John Locke, ata a punto de humanizar as súas reaccións, sembra de incógnitas este razoamento.

Recapitulando un pouco, sabemos con relativa certeza que fume negro pode adoptar a forma de persoas que están mortas e, moi posiblemente, sempre é cando o seu cadáver se atope na illa. Ex: John Locke, Christian Shepard, Alex... O resto de "aparicións" que non cumpran estas características poden ser debidas a calquera outro fenómeno que aínda non foi revelado, entre elas as relativas a persoas que están mortas pero o seu cadáver non se encontraba na illa (Ex: nai de Ben) ou a persoas que seguen con vida fóra da illa (Ex: Walt). Eso por non falar das supostas "aparicións" fóra da illa ou da singular capacidade de Hugo para ver supostamente a persoas mortas.


Outro aspecto intrigante deste cuarto episodio é a sensación de que Sawyer presencia con absoluta normalidade a "aparición" do neno rubio mentres Richard non pode velo. Cando fume negro se materializa nunha determinada forma, tódolas persoas que están preto podeno ver sen problemas. Ademais, falando de memoria, do que ando bastante escaso, creo recordar que, en todos aqueles momentos nos que había varias persoas cando se manifestaba unha "aparición", só podía vela aquela persoa á que estaba destinada, excepto nun caso co mesmo protagonista, Sawyer, quen respondía cunha frase moi similar a deste capítulo... Pois claro que o podo ver!!! ¿Qué significa que Sawyer poda ver tódalas "aparicións"? Algunha habilidade estilo Hugo... En realidade, outra peza máis que queda por colocar.

Lóxicamente, este razoamento non deixa de ser subxetivo e no universo Lost, onde calquera cousa é posible, poden existir múltiples explicacións para esta extraña "aparición", dende a máis sinxela... non se trata realmente dunha "aparición", senón dun habitante máis na illa con certa habilidade para desaparecer rápido e Richard non pode velo porque xa se foi cando el se xira... ata a máis compricada... que implicaría saltos temporais e onde o neno sería unha versión distinta de humo negro en algún instante temporal non determinado.

Recordade a Guillermo de Ockham e a súa famosa navalla: "La explicación más simple y suficiente es la más probable, mas no necesariamente la verdadera".