miércoles, 17 de marzo de 2010

VIII Carreira Popular de Padrón

Un tranquilo mes de Febreiro, sen carreiras e con dúas semanas sen poder adestrar por mor dunha lesión no xemelgo dereito, deixou paso a un frenético mes de Marzo, ultimando a preparación de cara á media de León, e coa posibilidade de participar nunha/dúas carreiras cada fin de semana. Logo da suspensión da carreira de Porriñó pola cicloxénese nada explosiva, o único 10.000 que hai en Galicia ao principio de tempada xunto con Xinzo (tampouco fun por motivos climatolóxicos), a seguinte carreira que tiña marcada no calendario era a de Padrón.

A VIII edición desta carreira popular celebrouse o pasado sábado 6 de Marzo, pola tarde como a min me gusta. Constaba de dúas voltas de algo máis de 5 kms, pola zona do paseo do Espolón, para completar unha distancia total de aproximadamente 10,5 kms, completamente chans. Esta foi a miña terceira participación consecutiva neste carreira, sendo, polo de agora, a proba na que máis veces tomei a saída. Nas dúas edicións previas sempre acabei moi xusto de forzas e coa sensación de que, realmente, estaba mellor de forma do que se reflexou na carreira. Sempre hai carreiras que se che atragantan e non sabes moi ben a razón.

Pouco despois de comer, GasMan e mais eu pasamos a recoller a Migueliño, foreiro de Correr en Galicia que coñecimos en Lestrove, e xuntos fixemos o viaxe ata Santiago, onde nos esperaba Josef. Coma sempre que non nos perdemos, chegamos con tempo máis que de sobra a Padrón, recollemos os dorsais, coa decepción de que a nosa amiga voluntaria non estaba e fómonos cambiar para comezar o quecemento. Escasos 10 minutos de carreira suave e xa notei que ía ser un día duro, pernas moi cansas pola "tirada larga" do xoves, da que aínda non recuperara, e dor no xemelgo dereito. Así que toca saír con calma e se quedan forzas progresar na segunda volta.

A pesar de que a organización de Porriño decidiu que era boa idea establecer a nova data para a súa carreira ese mesmo domingo, xuntámonos preto de 500 corredores na saída de Padrón. Comeza a carreira e eu intento seguir o ritmo de Josef durante os primeiros kms pero, un pouco antes de pasar o km 2, a dor no xemelgo intensifícase e decido frear as miñas ansias porque máis vale non lesionarse a dúas semanas da primeira media do ano. Despois dun primeiro tramo de gravilla, entramos nunhna zona de carril bici, de asfalto duro, que me deixa o xemelgo como unha pedra.

E, de repente, antes sequera de chegar ao km 3, as forzas abandónanme por completo e teño a sensación de ir desfondado. Comeza a pasarme xente por todos lados e penso que será compricado acabar a carreira, posto que quedan preto de tres cuartas partes do recorrido. Pero, como facemos todos nestos casos, agocho a cabeza, intento olvidarme desa sensación de que os kms non pasan e só me concentro en dar unha nova zancada. Primeiro paso por meta en 24:30, dous minutos máis que nas edicións anteriores, pero nada deso importa xa.

Dende a VigBay do ano 2008, a miña primeira e única media por agora, non tiña esa sensación de ir tan "apajarado", pero igual que naquela ocasión a forza de vontade puido coas gañas de tirarme a un lado e descansar. Comezo a segunda volta e baixo aínda máis o ritmo para xestionar o gasto das poucas enerxías que me quedan. Os kms pasan moi despacio e, ademais, apenas teño referencias posto que, a maioría de corredores que ían conmigo, fóronme abandoando e os que veñen por detrás tampouco andan moi sobrados de forzas, así que noto esa sensación de inmensa soedade que as veces ten o corredor popular.

Os últimos kms debátense entre o esforzo para acabar e o medo a lesionarme de novo no xemelgo, cada vez máis tocado. Pero, finalmente, chega a recta de meta e paro o crono en 50:44, tardando case 26 minutos en completar a segunda volta. Tempo real de 50:27, a unha media de 4:48 min/km e co anhelo de que chegue a seguinte carreira para ver se consigo desquitarne do mal sabor de boca que me deixou a de Padrón.

Avituallamento en meta variado pero nada sólido que levarse a boca para mitigar a sensación de vacío coa que cheguei. Premio merecido por estar no furgón de cola do pelotón de corredores. Mentres Josef e GasMan esperan a chegada de Migueliño, aproveito para estirar e descansar un rato, pensando que o mellor é que aínda é sábado pola tarde e queda moito fin de semana.

PD: Podedes ler outras crónicas desta carreira con diferentes enfoques en nopinnoglory e delicatesen_cañi.

No hay comentarios: