miércoles, 7 de abril de 2010

II Carreira Popular do Concello de Monforte

A escasa actividade no blog durante o derradeiro mes contrastou coa frenética actividade deportiva que levei a cabo, entre adestramentos e carreiras populares. Así que, a poucos días da desputa da media maratón por excelencia en Galicia, a Vig-Bay, compartindo galóns coa de Ferreirúa, toca facer balance e postear as crónicas atrasadas. Foron tres as carreiras populares nas que participei dende a de Padrón, comezando a triloxía en Monforte e rematando novamente en Padrón, facendo polo medio unha pequena excursión por León para vivir o ambiente popular fóra de Galicia.

Logo do fiasco da carreira de Padrón, seguramente causado polas alerxias que tanto están afectando aos ciclistas de élite, tiña gañas de desquitarme o antes posible, así que ao domingo seguinte acudín a Monforte, terra do Conde de Lemos e unha das poboacións con máis historia da nosa comunidade. A pesar de estar situada a 1 hora escasa de Becerreá, ésta ía ser a miña primeira visita a esta cidade, escoltada por un fermoso castelo, construído no século XII, que se alza nunha pequena elevación próxima. A carreira constaba de dúas voltas a un circuito de 3,5 kms, serpenteando polas rúas da cidade, para completar un recorrido total de 7 kms totalmente chans. En realidade, a meta estaba situada un pouco despois de rematar a segunda volta, polo que probablmente a distancia real fora de 7,1 kms, pero non ten maior importancia.

A hora de saída da carreira, ás 12 da mañá, e a proximidade entre Monforte e Becerreá, fixo que esta vez non tivera que madrugar. Levanteime sobre as 9, almorcei con calma e, xunto con meu pai, tomamos dirección Monforte. Como non podía ser doutra forma, independientemente de quen me acompañe, chegamos alí e non tiñamos nin idea de onde era a zona de saída, así que tocou dar unha volta pola cidade e, ao non atopar o sitio, pregunta de rigor. Espectacular meu pai cruzando en vermello para preguntarlles aos da Garda Civil que se quedaron parados no semáforo, aberto para eles, con tódolos coches de atrás pitando, xD. Finalmente, chegamos sobre as 11:25 e eso que a recollida dos dorsais remataba as 11:30, ... primeira carreiriña para pillar o dorsal.

Nada máis chegar a zona de saída, con aparcamento reservado para os participantes da proba (detallazo), os meus ollos enseguida repararon na beleza daquel lugar, un conxunto formado por un pequeno riachuelo, un parque moi ben coidado e un edificio antigo moi fermoso que, despois de preguntar, me dixeron que era o Colexio da Nosa Señora da Antiga (post cultural pendente). Sen medo a trabucarme, podo afirmar que é a zona de saída dunha carreira popular máis bonita na que estiven. Dese xeito, alegre por disfrutar dunha nova mañá de atlestimo popular e por coñecer outro precioso tesouro que agocha os segredos da nosa rica historia, comecei o quecemento coa clásica dor de pernas. Sen embargo, ese súbito e inesperado enaltecemento do ánimo, acompañado polo soleciño primaveral que se asomaba e que anunciaba, por fin, unha carreira con boa temperatura, fixo que toda esa dor desaparecera enseguida.

Momentos antes de saír, durante o quecemento, atopámonos con Jesús, do clube de corredores de Becerreá, capaz de correr a ritmos inalcanzables para min con, prácticamente, a idade do meu pai. Fomos xuntos cara a saída, pero vendo que se ía poñer moi adiante, decidín quedarme na cola para que non me pisaran a cabeza. As 12 deuse puntualmente a saída, co castelo no horizonte, e a carreira pouca historia tivo. Os primeiros kms a bo ritmo, pero sen forzar demasiado e, a medida que apretaba a calor e pasaba compañeiros de fatigas, a temperatura subía e eu mantiña, máis ou menos, cómodo un ritmo de 4:30 min/km. O circuito era bastante feo, por rúas mal coidadas e que contrastaban coa beleza da zona de saída. A pesar de ser domingo, non demasiado cedo e con bo tempo, non había demasiado público e tampouco estaban moito pola labor de animar, aínda que sempre se agradecen os aplausos duns poucos que che transmiten ánimos, seguramente sen entender moi ben o sentido de todo aquelo. Con este panorama, paso pola primeira volta en 15:35 e vexo que vou facer un tempo bastante meritorio e, o máis importante, as sensacións en carreira son positivas.


Ao lonxe vexo a meu pai, que me anima ao seu peculiar xeito, pronunciando algo así como, "corre que xa pasaron todos", xD. Inicio a segunda volta e intento acoplarme ao ritmo dun corredor que teño xusto diante, así que lle dou un relevo, fago a clásica "paradiña" e volvo darlle outro relevo. Pero, como me agobia correr ao mesmo ritmo que outros corredores, acelero e fago o de sempre (cando vou ben), fixarme como obxetivo ao corredor que teño inmediatamente diante. O último km faiseme longo, pero manteño o mesmo ritmo, completando a segunda volta en 31:05. Vexo que xa non vou ser capaz de cumplir o obxetivo de baixar de 31' porque aínda me queda afrontar a recta de meta. Aumento o ritmo e acabo por esprintar para baixar de 31:30 pero non o consigo, así que xiro a un lado e a outro a cabeza como mostra de contrariedade. Pódese ver perfectamente esta secuencia ao final do vídeo (a partir do min 9:20) :



Paro o crono finalmente en 31:31, cun tempo real de 31:23 e un ritmo de 4:29 min/km. Diríxome á zona de avituallamento de meta e contemplo con ledicia que a carreira aínda nos ten reservada outra sorpresa. Auga, powerade de tódalas cores, plátano e huesitos para recuperar e unha camiseta de recordo moi bonita que non teño intención de empregar para facer deporte. Estos detalles co corredor popular, xunto coa perfecta organización en todo o tema de aparcamento, recollida de dorsais, ... fan que a de Monforte se convirta nunha carreira altamente recomendable. Para rematar a xornada, uns estiramentos, un intercambio de sensacións con Jesús e aplausos para todos aqueles que van chegando a meta. Como tiñamos tempo, quedamos a ver a entrega de trofeos aos gañadores, por primeira e supoño que por última vez, xD.

No hay comentarios: