viernes, 28 de agosto de 2009

XXXI Carreira Popular de Santaia

O pasado domingo pola mañá celebrouse a trixésimoprimeira edición da carreira popular de Santaia, en Santa Cruz. A pesar das datas nas que se encadra esta lonxeva carreira, a cuarta con máis edicións dentro do panorama popular galego, este ano decidínme a participar para poder disfrutar do xa familiar ambiente dunha carreira popular e ademais nun terreo moi coñecido para min, xa que en moitas ocasión adestro por algunhas das zonas polas que transcurría esta proba.

Así que despois dunhas intensas vacacións e duns poucos adestramentos para habituar o corpo de novo ao esforzo físico que supón correr, plantámonos na liña de saída Gasman, Francisco (máis coñecido como panchito el glu glu) e un servidor, Anarky. O recorrido constaba de dúas voltas de 4,2 kms aproximadamente que resultaban nun total de 8,4 kms, ainda que na páxina de championchip figuraba unha distancia de 8,9 kms que distaba bastante da realidade.

Chegamos á zona donde se daba a saída en Sta. Cruz uns 40 minutos antes da hora prevista de inicio e descubro as dúas primeiras sorpresas agradables: dorsais personalizados cos nicks que cada un especificou na páxina de championchip e un regalo para tódolos participantes a escoller entre un chaveiro, unha caixa de bombóns, un colgante para o móbil e non sei se algunha cousa máis... Unha organización impecable con recollida dos dorsais en varias filas, organizadas por número de dorsal, que evitaba calquera tipo de cola (a pesar de que a participación non era demasiado numerosa) e coa correspondente música para aderezar o ambiente e un speaker, como en toda carreira que se precie. Ámbolos dous factores imprescindibles resultaron desta volta menos cansinos e raiantes do que normalmente acostuman.

Despois da recollida de dorsais e do regalo comezamos un breve quentamento que me deixou moi boas sensacións para a carreira, sen notar cansanzo nas pernas e un bo acompasamento da respiración que me permitía ser optimista (que errado estaba, xD). Comezaba a asomar o sol e notábase que ía ser unha mañá calurosa e con bastante humidade; unha mala noticia para os que nos costa sufrir con temperaturas por riba dos 20 graos, pero era mellor pensar que, sendo 23 de Agosto, a cousa podía ser moito peor. Así que despois dos últimos estiramentos, situeime prácticamente ao final da cola na saída para evitar problemas e logo dun mínimo retraso de 3 minutos daba comezo a carreira.


O circuito de 4,2 kms comezaba cunha selectiva subida duns 800 metros que, inconsciente de min e tendo en conta a miña condición física, afrontei con demasiada alegría recuperando posicións na alargada cola que se comezaba a formar. Despois desa primeira subida comeza un tramo favorable de 1 km aproximadamente que nos acercaba á praia de Bastiagueiro. Neste tramo, que se prestaba para ir collendo o ritmo pouco a pouco, acelaración demasiado brusca para o tramo da tempada no que estamos e primeiras sensacións de que o do quecemento foi un mero espellismo e de que estaba voltando á dura realidade: con pouca preparación, nunha carreira tan curta, dura e explosiva e con calor, ¿cómo c... ía ir eu ben? De todas maneiras intento aguantar o ritmo dos meus dous compañeiros a pesar de que me estou esixindo demasiado. Antes xusto de chegar á praia de Bastiagueiro, xiro a dereita e entramos nun tramo de tres repeitos cortos pero moi duros que me reventan definitivamente e o meu corpo comeza a entrar en crise. Despois do único tramo chan de todo o recorrido (uns 300 metros), chega unha subida corta pero moi dura que afronto con solvencia pero que me deixa sen alento ao chegar arriba, así que na baixada final (600 ou 700 metros), bestial na porcentaxe, decido tomalo con calma e recuperar un pouco así que deixo escaparse a Gasman e a panchito. Paso polo primeira volta sobre 18:30 e comezo da segunda volta, de novo a sufrir coa primeira subida.


Na subida collo ben o ritmo e, a pesar de notar gran cansanzo xeral e especialmente nas pernas, fago unha boa subida alcanzando e superando a panchito e recortando distancia con Gasman, de novo afronto a baixada cara Bastiagueiro a un ritmo que me permita chegar, sen forzar demasiado e afronto o tramo dos repeitos, sufrindo máis da conta, pois só levo uns 6 kms e debería ter fondo de sobra para ir máis solto. Definitivamente exploto na dura subida que nos conduce de volta a Sta. Cruz e perdo de vista a Gasman. Entro na baixada cruzado por todo, por sensacións, pola calor, polo cansanzo, porque levo a zapatilla desatada co chip a piques de caerse e rozando contra o chan, e baixo case freado, pasándome un amplo grupo de xente que fora deixando atrás e que na derradeira baixada da carreira se lanzaron a todo o que daban. Despois de 38:33 de esforzo, o mellor de todo é que a carreira se acabara e podía disfrutar dun domingo cansado pero, alomenos, sen a resaca pertinente. Ao final un tempo real de 38:18, a un ritmo de 4:32 min/km e posto 68 que, se o penso en frío non está demasiado mal.


Despois de cruzar a meta, nova sorpresa agradable por parte da organización. Como en tódalas carreiras de agasallo unha camiseta, que non está mal dende o punto de vista estético, pero había suficientes camisetas en tódalas tallas, algo que xa non resulta tan habitual, por moi básico que nos deba parecer (e acabemos cunha talla S ou XL). E para hidratarse e alimentarse, unha gran variedade de productos, dende a típica botella de auga quente e a típica pieza de fruta verde ata un apreciado powerade (tamén un pouco caldeado), unha sorpredente bolsa de patatas fritas (algo sen dúbida novedoso que, dende aquí, propoño que se extenda as demais carreiras) e incluso caramelos de múltiples sabores. Por todo esto non podo máis que darlle un sobresaínte á organización desta carreira que nos tratou aos populares de forma maxistral e da que deberían aprender outras moitas carreiras, seguramente con máis presuposto e con mellor fama.

PD: Para o ano que ven espero repetir aínda que me toque de novo aprazar un pouco a celebración do meu cumpreanos.

No hay comentarios: