martes, 26 de enero de 2010

CCNOS II : Nocturna de Reis

O sábado da semana pasada, 16 de Xaneiro, celebrouse a segunda proba do circuito CCNOS 09-10, a Nocturna de Reis. Este circuito, que vai xa pola novena edición, agrupa unha serie de probas de curta distancia que se disputan cada mes por toda a cidade de Lugo, co principal obxetivo de promover o deporte, en xeral, e o atletismo, en particular, entre os rapaces máis novos da comarca. Carreira un sábado pola noite, en Lugo e ademais curta... oportunidade perfecta para facer un test de velocidade de cara ás vindeiras carreiras e ver se os adestramentos para gañar fondo son suficientes para acadar tamén algo de velocidade. Esta carreira convertiuse na miña primeira popular nocturna (correr de noite mola moitísimo) e na terceira consecutiva que disputaba en Lugo. Custou comezar pero agora non fago outra cousa que correr nesta cidade.

O recorrido da proba discorría pola avenida de Ramón Ferreiro e os arredores do parque Rosalía de Castro. Constaba de tres voltas a un circuito que comezaba fronte ao seminario, avanzaba por Ramón Ferreiro ata o final onde se xiraba 180º para voltar polo outro sentido da avenida e seguir pola rúa Rodríguez Mourelo ata o parque onde, de novo, se realizaba un xiro de 180 º para regresar ao inicio de Ramón Ferreiro. A primeira das voltas era máis curta que as dúas seguintes xa que non se facía o tramo do parque. Esto deixaba a distancia final en 4,266 kms (así de precisos somos en Lugo).


Despois de comer e descansar un rato, GasMan e mais eu puxémonos rumbo a Lugo para afrontar a primeira carreira do ano. Algo menos de 200 kms de viaxe en total, para correr menos de 20 minutos..., en fin. Chegamos a Lugo un pouco antes das 19 con tempo de sobra para cambiarnos e recoller os dorsais. En realidade, só GasMan tiña que recoller dorsal e chip porque eu xa tiña o meu dorsal para todo o CCNOS e o chip amarelo. Miramos o termómetro e vemos como marca 12º, uns 18º máis que a última vez que estivemos en Lugo, a finais de Decembro, con motivo da disputa da monumental.

Media hora antes do inicio da carreira, programado para as 19:40, cambiámonos, esta vez sen pasar frío e sen problemas para colocar o dorsal, e acercámonos á zona de saída para iniciar o quecemento. Alucino coa cantidade de rapaces/as que compiten nas categorías inferiores e alégrome da gran afición que hai entre os máis novos por este deporte e penso na gran labor que están a realizar tódolos estamentos implicados nesta cidade. Inicio o quecemento pola zona do parque e enseguida noto as pernas cansas e con pouca chispa... mal sinal para unha proba onde se precisa moita explosividade e a esixencia física é moi intensa. Decido non cansarme moito e vou estirar antes que GasMan que prosegue co quentamento. De súpeto, escoito que chaman aos corredores para que se coloquen na zona de saída e comezo a buscar desesperadamente a GasMan pero non atopo. Pola contra vexo a Suso, do clube de corredores de Becerreá, e tamén a Migueliño, do foro de correr en galicia, e vou cara eles. Saúdoos e miro a un lado e a outro, pero nin rastro de GasMan. Vexo que, de novo, saio prácticamente dos últimos e, esta vez, sí que me trastoca os plans porque esta carreira quería tomala en serio e, sendo tan curta, con tanta xente por diante, non hai tempo nin espazo para recuperar o que perda na saída.


Comeza a carreira e tardo uns 20'' en pasar polo arco de saída. A partir de ahí non atopo sitio para pasar porque a xente que me precede vai máis lenta e tapona toda a rúa. Éntrame un pouco a desesperación e vou a cambios de ritmo, sprintando para adiantar algunhas posicións e freando cando vez que atopo de novo a rúa toda taponada, indo dun lado a outro buscando ocos para pasar, o que me obriga a moverme, por momentos, en zigzag. Tendo en conta que a distancia real era 4,266 kms, seguro que eu fixen uns cantos metros de máis... Tralo primeiro xiro de 180º, a cousa mellora un pouco e o pelotón de populares comeza a estirarse e aparecen máis ocos para pasar. Aínda así sigo sen poder correr en línea recta nin a un ritmo regular. Nese momento, penso que todo ese esforzo vouno acabar acusando ao final porque tanta velocidade, explosividade, cambio de ritmo, sprint... non é o meu formato, prefiro carreiras máis longas e a un ritmo regular.


Pasados os problemas iniciais e con camiño libre, comezo a correr ao máximo ritmo que me permiten pernas e pulmóns. Completo a primeira volta con suficiencia e decido manter ese ritmo e ir adiantando, pouco a pouco, a aquela xente que lle pase factura saír con tanta forza. Cando vexo o tempo no segundo paso por meta, 10:50, véñome un pouco abaixo porque me dou conta de que tardei 7:20 en completar esa volta e teño que facer a seguinte máis rápida para tentar baixar dos 18'. Chegando á zona de "lixeirísima" subida entre o parque e o inicio de Ramón Ferreira, sinto as pernas cansas e acórdome dos alegres esforzos do principio así que baixo un pouco o ritmo para tentar chegar con forzas ao final. Completo esa volta nuns 7:40, 20 segundos máis lento que o paso anterior, case sen folgos e cun tempo total de 18:33, ao que lle habería que restar sobre 20 segundos para obter o tempo neto. A pesar de levar cronómetro, coas presas de adiantar xente ao inicio, esqueceuseme darlle e non poido saber con absoluta certeza o tempo neto. Supoñendo un tempo de 18:11, obtería un media de 4:15 m/km, que sería a miña segunda carreira máis rápida despois de Porriño (aínda que aquel era un 10000 m). Estos resultados deixáronme bastante contento e agora toca seguir acumulando kms para as medias de primaveira.

viernes, 15 de enero de 2010

Guía do bo español

Estos son os dez mandamentos que debe cumplir devotamente toda persoa que aspire a convertirse nun verdadeiro aficionado español:
  1. Amarás ao Real Madrid por riba de tódalas cousas e venerarás ao seu salvador todopoderoso, Floren.

  2. Lerás cada día o diario Marca, onde se atopan tódalas respostas, e seguirás sen vacilar o seu credo.

  3. Odiarás a Lewis Hamilton, Lance Amstrong e a calquera outro que ose criticar ou facer fronte aos nosos deportistas.

  4. Honrarás a Tomás Roncero e abrazarás o seu dogma verdadeiro na loita contra a lacra da sociedade actual: o villarato.

  5. Establecerás marca como páxina de inicio do teu navegador.

  6. Vibrarás con cada éxito da "Roja", esa selección (só a de fútbol) que pasea orgullosa o nome de España alá por onde vai. Ademais, cada mediodía, emocionaraste con cada comentario dos Manolos.

  7. Menospreciarás os éxitos dos deportistas foráneos, principalmente de Federer e Schumacher.

  8. Equipararás aos nosos heroes cos grandes deportistas da historia (Ex: Pau Gasol con Michael Jordan ou A.C. con Eddie Merckx).

  9. Defenderás a honestidade e a limpeza dos nosos deportistas a pesar das evidencias e do clamor popular (auténtico acto de fé).

  10. Non dudarás das excepcionais cualidades dos campións españois. Eles son perfectos e sempre hai unha xustificación para os seus fracasos.


Carreiras en Decembro (y III)

Tras levar algo máis de 2 anos participando en carreiras populares por toda a xeografía galega, a VIII edición da Lugo Monumental foi a primeira que corrín na miña provincia e como as sensacións foron tan positivas estaba deseando repetir. Ademais, dende que estou enganchado a este vicio de correr, sempre tiven gañas de despedir o ano correndo unha San Silvestre e, este ano, tiña unha excelente oportunidade en Lugo.

O clube fluvial de Lugo organizaba este ano a XV edición da San Silvestre Fluvial que se celebraba o día 31 as 17:00. Esta carreira constaba de 6,5 kms que transcorrían polos arredores do clube fluvial situado no paseo do Miño. Despois dun primeiro km bastante chan, comezaba unha constante subida que a partir do km 3 se facía máis dura durante preto de 1 km para, finalmente, acabar baixando de novo cara o clube nuns derradeiros 2 kms que resultaban moi cómodos.

Perspectiva área da zona de saída e de meta

Como se podía esperar polas datas nas que se disputaba, os días previos á carreira foron unha sucesión de saídas nocturnas e excesos varios que fixeron que a preparación fora moi compricada e repleta de obstáculos. A pesar de todo, nun esforzo titánico, conseguín adestrar un par de días esa mesma semana, chegando así cun bo punto de forma que me deixaran as carreiras e os adestramentos previos.

Pero o día 30 pola noite todo se compricou. Visitas inesperadas (pero agradables) , con promesas de festa e diversión, doblegaron a miña vontade e rematei por abrazar o lado oscuro, festexando un improvisado simulacro do fin de ano. A mañá do día 31 levanteime disposto a correr a toda costa, independientemente das lamentables condicións nas que me atopaba. Enseguida notei que a felicidade da noite anterior aínda non desaparecera e que, polo tanto, ademais de ser a miña primeira San Silvestre tamén ía ser a miña primeira carreira en directo 1. Nese momento agradecín que só foron algo máis de 6 kms.

Viaxe a Lugo en bus. Foron 2 longas horas que agradecín porque me serviron para descansar e relaxar tanta felicidade matinal. Chego a zona do clube fluvial sobre as 16, con tempo de sobra para recoller o dorsal, cambiarme e quentar, moi suavemente, non vaia ser que me canse antes de comezar. Despois de recoller o dorsal e recibir a bronca dun "amable" traballador de championchip por esquecerme do meu chip (estaba eu para acordarme deso), camiñei tranquilamente cara a zona de saída baixo a choiva. Desafortunadamente non facía suficiente frío para que nevara pero co chaparrón que estaba a caer aveciñábase outro bolo suicida. Busquei algunha cara coñecida e despois dun rato atopeime cun dos corredores do clube de Becerreá.

Quentamos xuntos durante 10 minutos e colocámonos na saída sorprendidos pola afluencia de populares, preto de 500 corredores. O ambiente era claramente festivo, con moita xente disfrazada de Papa Noel ou simplemente co gorro (como un servidor). E, como sempre neste tipo de carreiras, non poden faltar os "personajazos", neste caso un grupo de corredores disfrazados de enfermeiras que arrastraron durante boa parte do percorrido unha camilla para todo aquel que a necesitara. Ademais, xunto con ela, portaban diversos reconstituíntes: cervexa, kalimotxo, viño, ... eso sí, nada de bebidas isotónicas.

Cun pouco de retraso, ao redor das 17:15, dáse a saída. Comezo cun ritmo tranquilo e sen ningunha intención de forzar. Nos primeiros metros empeza a pasarme todo o mundo e cando me quero dar conta, miro para atrás, e estou prácticamente na parte final, vendo como as "enfermeiras" se acercan perigosamente. Entón penso que non pode haber nada mellor que facer a carreira con esa xente, así que manteño o ritmo e disfruto coa algarabía que montan.

A carreira segue co seu discurrir normal, ata que no km 2,5 aprox. as "enfermeiras" paran de correr para tomar un reconstituínte. Vexo como quedan moi poucos corredores por detrás miña, así que decido acelerar un pouco o ritmo para coller os grupiños de xente que teño por diante. Sinto que as pernas responden e sigo forzando na subida, adiantando a unha boa cantidade de corredores. Cando acado a cima desa pequena subida, lánzome na baixada para acabar o antes posible posto que quedei con Marcos para tomar tamén uns reconstituíntes antes da cea.

Cando queda algo máis de 1 km para meta volvo ver ás "enfermeiras", paradas diante dunha casa, ofrecendo cervexa a todos os corredores que pasan. Medito se pararme e disfrutar de tan delicioso manxar ou seguir en pleno sprint para non facerlle esperar ao meu amigo. Finalmente, continúo e chego á meta, esprintando coma un poseso, cun lamentable tempo de 32:36, a algo máis de 5 min/km, xD. Bonita experiencia e feliz por acabar o ano dunha forma tan deportiva e festiva á vez.

Con esta última proba do ano cerrouse un 2009 onde participei nun total de 10 carreiras populares e recorrín algo máis de 1100 kms en adestramentos, a pesares de ter que estar parado máis de 3 meses por dúas lesións. En 2010 máis kms e seguro que moitas máis carreiras coas que disfrutar.

(1) Término privado que utilizamos para referirnos a correr ao día seguinte dunha noite de festa coas "negativas" consecuencias que eso conleva.

PD: Cando me envíen as fotos desta carreira actualizarei esta entrada para que poidades verme co gorro de Papa Noel.

martes, 12 de enero de 2010

Carreiras en Decembro (II)

Despois de acabar tan satisfeito a carreira de Lestrove, o meu corpo e a miña cabeza pedían máis carreiras e, a poder ser, que foran en condicións metereolóxicas adversas. A seguinte proba que tiña marcada no meu calendario persoal era a Lugo Monumental, o domingo 20 de Decembro. Era unha carreira que me motivaba especialmente por diversas razóns: prometía un tempo infernal con temperaturas moi baixas e se había un pouco de sorte con neve, era o máis preto da casa que ata o daquela correra e co aliciente engadido de correr por riba dun monumento con preto de 2000 anos de historia e declarado patrimonio histórico da humanidade.

A carreira constaba de 9,8 kms que transcorrían por algunhas das zonas máis coñecidas de Lugo. A liña de saída estaba situada na zona peatonal da rúa Bispo Aguirre e logo de xirar pola rúa Villalba e dar unha pequena volta pola avenida de Ramón Ferreiro, realizábanse dúas voltas prácticamente completas pola Ronda da Muralla. Logo de completar a segunda volta, xiro cara a zona vella de Lugo entrando pola porta de Santiago e unhna volta completa por riba da muralla que nos deixaba a tan só 300 metros da meta que transcorrían polas rúas da zona vella, pasando polo lado da catedral, para rematar fronte ao concello. Un recorrido precioso para unha carreira sen tanta tradición como outras en Galicia, por exemplo a pedestre de Santiago, pero que promete convertirse nun referente para os populares galegos.

Unha vez decidida cal sería a seguinte carreira só quedaba adestrar e coidarse un pouco ante tanta cea de Nadal. Se ben certo é que estaba moi motivado e tiña moitas gañas de facelo ben nesta carreira, non deixa de ser máis preciso que, con estas temperaturas, non apetece nada adestrar e a miña vontade é moi fácil de quebrar ante a posibilidade dunha boa noite de festa. En definitiva, non adestrei demasiado e acabei saíndo, con todo o meu gas, o finde antes da carreira e ese mesmo venres, así que o domingo tocaba correr con resaca diferida. Se non era dabondo correr con resaca e coa metade dos pulmóns inutilizados polo tabaco, pillei uns días antes un catarro que me impedía respirar con normalidade e aumentaba a fatiga á hora de realizar esforzos físicos. A pesar de todos estos contratempos, nada me ía impedir participar na proba, aínda que tivera que arrastrarme para rematar.

A eso das 10 da mañá do domingo plantámonos en Lugo, GasMan, Josef e máis eu. Facía unha temperatura agradable, uns -6º, ideais para a práctica do deporte. Logo de pillar os dorsais, sen ningún problema de aglomeracións (e eso é noticia en carreiras con tantos inscritos), e ver algunhas zonas do recorrido que non coñecía ou non recordaba, fomos resgardarnos do frío a unha cafetería onde me metín un café só para espertar e entrar en calor. A medida que se acercaba a hora da carreira, máis frío me entraba só de pensar que me tiña que cambiar na rúa ata que, vencendo ese desalentador pensamento, fómonos cambiar e preparar todo para comezar a quentar. A temperatura subira pero o termómetro aínda marcaba uns -2º ou -3º. Despois dalgúns problemas para colocar o dorsal e o chip, primeiros estiramentos na praza de San Roque e paseo ata a zona da saída mentres vía como Josef e GasMan se alonxaban porque eles xa comezaron o quecemento. Quedamos en vernos na saída.

Comezo a quentar apenas 10 minutos antes do inicio da proba e vexo á xente do clube de corredores de Becerreá. Saúdoos e procedo a colocarme na zona de saída. Para evitar posibles problemas debidos a que a rúa onde comezaba a carrira é bastante estreira e enseguida hai un xiro a esquerda algo perigoso, establecéronse tres grupos diferenciados pola cor do dorsal. No primeiro grupo estaba a xente que baixara dos 36' en anos anteriores ou nalgún 10000. O criterio seguido para asignar dorsais ao resto de corredores é un misterio aínda a día de hoxe, pero o certo é que a min mandáronme ao terceiro grupo e como cheguei tarde e sabía que mo ía tomar con calma ao principio, situeime atrás de todo. Vamos que saín dende a estación de bus e tardei 45" en pasar pola alfombrilla da saída, xD. Seguimos a -2º aprox, pero coa braga, os guantes e a camiseta de manga larga o frío sopórtase mellor, ademais nalgunhas zonas comeza a aparecer un sol moi agradable.

O primeiro km transcorre con tranquilidade, freado continuamente pola xente que teño diante e empurrando por algúns dos que veñen por detrás con présa. Paso cun fántastico 5:47 que me deixa máis conxelado que a temperatura ambiente, así que decido esixirme un pouco máis, por eso do orgullo. Enseguida comeza unha lixeira subida cara a estación de bus que aproveito para subir pulsacións, coller ritmo e adiantar aos que antes me estaban freando. Comeza a primeira volta pola Ronda da Muralla, que se me pasa rapidísima porque intercala tramos chans con outros de baixada que axudan a recuperar. Noto que estou disfrutando con esta carreira, que me gusta moito o recorrido e que, correndo a 4:40 min/km, vou cómodo e podo disfrutar da paisaxe e ver a toda esa xente tan valente que saiu das súas casas para animar. Sigo adiantando a xente e mellorando os meus tempos por km. O termómetro marca aínda -1º, pero xa non noto nada de frío.

Paso o km 3 e comeza unha subida un pouco máis longa e dura que a da estación. A rúa é moi estreita e a xente que teño diante comeza a acusar o esforzo de saír con tanta alegría e non me deixan avanzar. Teño que pararme literalmente, pero en canto chegamos a Ramón Ferreiro volvo acelerar para superar a ese grupo e así evitarme máis problemas ao longo da carreira. Por mor deste incidente na subida fago ese km nalgo máis de 5 min/km. De novo, subida cara a estación e segunda volta pola Ronda da Muralla. Sigo notando como a ese ritmo non teño ningún problema e que vou acabar a carreira moito máis cómodo do que presumía ao principio. Pasan os kms 5, 6 e chegando ao 7, xusto antes de comezar a volta por riba da muralla, vexo como diante teño a unha parella de rapazas que, en plan risas antes de comezar, dixemos que sería un bo target para que nos marcaran o ritmo. Aguanto un pouco a esa velocidade neste tramo de baixada que me axuda a recuperar e fágolles compaña un par de minutos. Agora o termómetro xa marca 0º e comezo a notar algo de calor (non sexades mal pensados).


Este crack tiña que ser de Becerreá por suposto

Pasado o km 7, afronto a rampa de subida á muralla e o primeiro tramo por riba desta que presenta unha subida tendida de preto de 1 km. Vou bastante cómodo, aínda que as pernas parece que comezan a pesar. Teño que baixar un pouco o ritmo pero vexo que o esforzo lles pasa máis factura aos compañeiros que levo diante e comezo a sobrepasar a un montón de xente. Completo a volta á muralla en 10:36, a uns 4:49 min/km e enfilo os últimos metros polas rúas da zona vella. Miro o cronómetro e vexo que vou baixar fácil de 46', cando o obxetivo era baixar de 48', sendo ambicioso, así que me relaxo e tómome con calme a última recta na que me pasan 2 ou 3 corredores. Finalmente, tempo real de 45:58,. Tanto me relaxei que case non baixo de 46', xD.

Para evitar quedarme frío, diríxome rápidamente cara a zona onde dan o avituallamento e quedo alucinado cando as rapazas voluntarias se ofrecen a quitarme o chip das zapatillas. Dígolles que non, que eu non teño que devolvelo e avanzo ata a carpa onde nos dan unha bolsa con auga, un regalo e "un yogurt coa súa cuchara". A excelente labor da organización e dos voluntarios posibilita que non se formen colas (como ocorre por exemplo na pedestre) e en segundos xa estabas despachado e preparado para irte duchar, cambiar ou o que quieras e así non tiñas que papar frío esperando. Ademais, a carpa colocada pola organización permitíache estar resgardado do frío e da choiva, en caso de que fixera acto de presenza. Nada máis saír da carpa, vexo a GasMan relaxado e a Josef cunha cariña ... que era todo un poema. Comentamos como nos foi na carreira e decidimos que o mellor é irse canto antes. Vexo tamén aos corredores do clube de Becerreá e descubro, con sorpresa, que algún deles non me sacou demasiado tempo. De sabelo houbéralle dado algo máis de zapatilla para facer a carreira acompañado.

Resumindo, unha carreira preciosa, cun recorrido ideal con tramos chans, subidas tendidas e zonas de baixada para recuperar, nunha localización única e cunha organización excelente. As únicas pegas que se lle poden poñer é o extraño tema da asignación de dorsais e que non regalaran camiseta para gardar un recordo, pero polo demais a mellor carreira a que acudín este ano, xunto con Santa Cruz. E que mellor forma de completar un gran día que cunha gran noite por Santa Cristina ...

viernes, 8 de enero de 2010

Carreiras en Decembro (I)

Despois do parón obrigado de algo máis de 1 mes pola lesión no talón, a principios de Novembro, retomei de novo os adestramentos coa ilusión de poder disfrutar dalgunha carreira popular máis antes de que finalizara o ano 2009, marcado polas lesións. Finalmente, foron 3 carreiras en Decembro as que sirviron de peche para o meu segundo ano completo nesto do running. Con máis retraso do que me gustaría, pero aquí vai un pequeno resumo destas carreiras.

A primeira delas foi en Lestrove, un pequeno pobo pegado a Padrón, o sábado 5 de Decembro. Sendo sinceiro, encántanme as carreiras de sábado pola tarde por moitas razóns pero, principalmente, porque non hai que madrugar e porque logo podes aproveitar a noite para saír (saír un domingo é un pouco máis compricado). A carreira constaba de 10,05 kms, totalmente chans, repartidos en dúas voltas por pistas ben asfaltadas polas aforas de Lestrove, debuxando unha especie de réctangulo.


Nesta ocasión un dos meus fieis compañeiros de andainas, GasMan, non puido acudir así que, en principio, tería que ir eu só no tren dende Coruña ata Santiago, onde me atoparía con Josef, para tirar xuntos cara Padrón. Sen embargo, a través do foro de correr en galicia quedei con outro dos foreiros, Migueliño, a quen tiven o pracer de coñecer nese momento e fixo máis amena a viaxe e o resto da xornada. Así que nos plantamos os tres en Padrón, pero a carreira non era alí, senón en Lestrove, así que nos tocaba andar un par de kms (mínimo) e indagar onde se recollían os dorsais porque ningún dos tres fora nunca a esta carreira.

A mañá amenceu soleada en Coruña polo que nada facía presaxiar as condicións metereolóxicas que nos esperaban pola tarde. Nada máis baixarnos do tren puidemos ver como a cousa estaba moi compricada para correr, diluviando e cun vento moi racheado que, por momentos, soplaba con moita intensidade. Primeira molladura no traxecto dende a estación do tren ata o pavillón de deportes de Lestrove, onde daba comezo a carreira. Recollemos dorsais, cambiámonos (eu poño camiseta e pantalón corto, xD) e comezamos a quentar no interior do pavillón porque da medo só de mirar pola fiestra a que está caendo. Eso sí, no meu interior estou encantado de que as condicións sexan tan adversas, facendo máis duro e máis divertido o reto que nos espera, súbeme a motivación. Cando quedan apenas minutos para que dé comezo a proba, saímos do pavillón e vamos correndo cara a saída, case non chegamos porque xa está todo o mundo esperando e nada máis chegar xa se dá a saída. Eu xa estou completamente empapado pero feliz e cun sorriso de orella a orella.



Estas eran as condicións instantes antes de darse a saída

Comeza a carreira e deixo a Josef un pouco por diante para que me sirva de referencia ao principio. Escoito como un grupo de corredores ven a toda velocidade, empuxando á xente para poder pasar. Cando chegan a miña altura eu apártome e vexo como empuxan violentamente a unha pobre rapaza que estaba ao meu lado. ¡Serán cabróns! Por estar un pouco máis resgardados da choiva chegaron tarde á saída e logo como se creen que son os mellores e só eles corren, menospreciando ao resto de populares que vamos a pasalo ben, pasan por riba túa se é necesario. Avanzo uns poucos metros e vexo a un rapaz parado a un lado da carretera coa rodilla sangrando. Logo entereime de que esos garrulos o empuxaran cara o borde da calzada e él resbalara e se caera. ¡Viva o espíritu deportivo! E por riba, logo presumen no foro de que a pesar de saír tarde gañaron trofeo na súa categoría. Pois eu quitáballelo por antideportivos e obrigáballes a pedir perdón no foro en lugar de tanto fachendear.

A pesar das malas condicións climatolóxicas, do meu pésimo estado de forma, dos poucos kms acumulados nas pernas trala lesión, atópome cómodo ao ritmo que me está marcando Josef, miro o cronómetro e vexo que estamos cravando 4:30 min/km cada vez que pasamos por un cartel que indica un novo km. Penso que vou reventar porque é imposible que poida facerme un 10000 a un ritmo tan alto. Nos primeiros kms da carreira cae un diluvio universal acompañado dun aire que, por momentos, pega en contra e case non nos deixa avanzar, e noutros tramos pega lateralmente, empuxándonos cara fóra da estrada. A loita contra o vento supón un esforzo extra que añade máis desgaste ao esforzo. Noto a auga golpear na miña cara e sube se cabe máis a motivación.


Avanza a carreira e vexo como nos pasos que van por debaixo da estrada principal está o circuito completamente anegado, así que toca chapotear polos charcos. A emoción alcanza un punto que aínda nunca experimentara nunha carreira (polo menos dende que acabei a primiera pedestre): choiva, vento en contra, tramos anegados, ... non se pode pedir máis!!! Épico!!! Na metade da primeira volta xiramos prácticamente 90º e o aire segue a pegar lateralmente pero un pouco a favor, así que toca alargar zancada e recuperar o tempo perdido polo aire en contra. Outro xiro, máis lixeiro esta vez, e o aire comeza a pegar completamente a favor, prácticamente te leva en volandas cara adiante. Que sensación máis maravillosa correr con forte aire a favor. Fago un esforzo e alcanzo a Josef. Mágoa que rápidamente chegamos ao km 5, acábase a primeira volta e toca volver a afrontar o tramo de aire en contra. Paso cun tempo de 22:35, penso que é factible baixar de 45' se me sigo atopando tan ben como ata daquela.

Comezamos a segunda volta Josef e mais eu xuntos e ben acompañados por unhas rapazas que, tranquilamente, van falando entre elas (a 4:30 min/km!), namentres eu vou votando o fígado. Cazamos a un grupo de atletas coas camisetas do clube de Noia. Entón penso, ¡coño! os meus vellos amigos. Outros que van falando tranquilamente mentres corren e me petan o cerebro na maioría de carreiras, máis ben, cando eles van de relax e eu a tope, xD. Quen pense que as carreiras son un mal escenario para ligar terían que estar en Lestrove. Os de Noia a tirarlles os trastos as chavalas e elas que lles seguen o rollo ata que deciden acelerar e deixarnos a todos mirando como o seu bonito ... cogote se alonxa pouco a pouco. Ben, realmente a todos non, porque Josef acelera e arranca detrás delas. Eu penso que é mellor quedarse cos meus amigos. Comeza a amainar a choiva.


Van pasando os kms, comeza a aparecer o cansanzo pero mentalízome de que teño que chegar ata o km 8 xa que a partir de ahí toca de novo aire a favor. Vexo moi na distancia a Josef quen tampouco pode co ritmo das supernenas. Despois dun par de sustos porque case me saio da estrada polo aire racheado e de chapotear como un neno polos charcos que salpicaban o recorrido, vexo como se achega o cartelón do km 8 e con el o xiro para afrontrar o camiño de volta ao pobo con aire a favor. Miro o cronómetro e vexo que baixar de 45' será imposible pero vou facer unha boa marcar. Déixome levar polo aire a favor ese km que se me pasa rapidísimo e afronto o último km con máis folgos dos que pensaba que me quedaban. Así que acelero e vexo como me acerco pouco a pouco a Josef. Sen embargo, os últimos 200 metros fánseme moi longos e non podo chegar a súa altura, aínda así acabo facendo os últimos 1050 metros a 4:10, para parar o crono nun tempo neto de 45:25. Recollo o avituallamento de meta, intercambio sensacións con Josef e corremos resgardarnos no pavillón da choiva que volve arreciar. Cambiámonos rápido e esperamos a que chegue Migueliño para afrontar o camiño de regreso a casa. Eu sigo alucinando co meu tempo e moi contento polas boas sensacións que tiven durante a carreira e, sobre todo, por chegar con forzas ao final, algo que non me pasaba dende Porriño, alá polo mes de Febreiro.

Finalmente atopámonos con Migueliño e dinos que un amigo seu, outro foreiro, Xan de Ris nos leva en coche ata Coruña, aforrándonos deste xeito a espera ata que chegue o tren e o posterior coñazo de viaxe. Chego a Coruña con tempo suficiente para ducharme, cambiarme e ir ver o Depor-Barsa e sabendo que nos espera un noite de festa que sempre se agradece e máis despois do esforzo titánico de correr en Lestrove.

martes, 5 de enero de 2010

Feliz 2010

Nesta primeira entrada deste novo ano quero aproveitar para desexarlles aos poucos, pero fieis, readers deste blog un Feliz 2010 e que se cumplan tódolos propósitos, ilusións, desexos, novos proxectos, ... que teñedes e que poidamos seguir compartindo as nosas opinións a través deste humilde blog.

Ao comezar un novo ano, e mais se cabe este 2010, son moitas as preguntas que nos podemos facer e que serán respostadas ao longo dos 365 días (361 en realidade) que nos quedan por diante. A modo de resume, algunha das inquedanzas que me asaltan son:
  1. ¿Deixaremos de oír a palabra crise ata na sopa?
  2. ¿Seremos capaces de sobrevivir ao final das dúas mellores series da década que nos cautivaron durante tantas tempadas? ¿Cómo será a derradeira escea de Lost?
  3. ¿Será 2010 o ano definitivo no que Mago de Oz completará a triloxía de Gaia?
  4. ¿Acabaremos ata as narices do mundial de fútbol de Sudáfrica, de Catro e do podemos? E se gaña España, ¿teremos que emigrar a outro país?
  5. ¿Respeteránse por fin os dereitos dos internautas e deixarán de tratarnos como a delicuentes a tódolos que pagamos unha conexión para facer máis cousas que descargar películas ou música, accións que nin sequera están tipificadas como delito?
  6. ¿Serán capaces os de Telecinco de sacar unha nova edición de Gran Hermano ou OT? ¿Ata que punto serán capaces de levar o neorrealismo televisivo para gañar audiencia se as cousas van mal?¿Sobrevivirá SQLH cando se marche Pilar Rubio? ....


  7. ¿Quen será o seguinte gañador do Nobel da Paz? ¿E do Premio Príncipe de Asturias dos Deportes?
  8. ¿Será portada do diario deportivo Marca algo que non teña que ver co Real Madrid, Pau Gasol, Rafael Nadal, Fernando Alonso ou A.C.? Supoño que non pq a filosofía deportiva de calquera español debe asentarse sobre estas cinco bases fundamentales.
  9. ¿Que pasará con TVE agora que non pode emitir publicidade? ¿Como afectará esto a Anne Igartiburu os días que teña que presentar 3 ou 4 programas? ¿TVE non ten máis presentadores/as ou non pode contratalos porque está arruinada?
  10. ¿Será sancionado dunha vez por todas Alejandro Valverde? ¿E que pasa co resto de nomes vinculados coas numerosas operacións emprendidas pola xustiza española?
  11. ¿Entrará en vigor a nova lei antitabaco? ¿Sairemos de festa na porta dos garitos ou das discotecas en plan poligoneros coa música do coche a todo trapo?
  12. ¿Derivaráse por fin algún descubrimento científico relevante dos experimentos realizados no CERN co LHC? ¿Aparecerán novas partículas que, polo de agora, só existen na imaxinación dos físicos?
  13. ¿Seguirá J.J. Santos torturándonos nos partidos que se retransmiten por Telecinco ou apagarano cando chegue o apagón analóxico? ¿ E Galloso e o Luar, sobrevivirán ao cambio da televisión analóxica pola TDT?
  14. ¿Como será a ano postsextete? ¿Convertiráse en presidente do FC Barcelona o amigo de Laporta que viste coas americanas extravagantes?

Estas e outras moitas preguntas serán contestadas segundo avanza o ano. E para comezar con bo humor esta nova aventura de 12 meses, escoitemos unha das cancións máis optimistas e animosas que se me veñen á cabeza neste momento.