CCNOS II : Nocturna de Reis
O sábado da semana pasada, 16 de Xaneiro, celebrouse a segunda proba do circuito CCNOS 09-10, a Nocturna de Reis. Este circuito, que vai xa pola novena edición, agrupa unha serie de probas de curta distancia que se disputan cada mes por toda a cidade de Lugo, co principal obxetivo de promover o deporte, en xeral, e o atletismo, en particular, entre os rapaces máis novos da comarca. Carreira un sábado pola noite, en Lugo e ademais curta... oportunidade perfecta para facer un test de velocidade de cara ás vindeiras carreiras e ver se os adestramentos para gañar fondo son suficientes para acadar tamén algo de velocidade. Esta carreira convertiuse na miña primeira popular nocturna (correr de noite mola moitísimo) e na terceira consecutiva que disputaba en Lugo. Custou comezar pero agora non fago outra cousa que correr nesta cidade.
O recorrido da proba discorría pola avenida de Ramón Ferreiro e os arredores do parque Rosalía de Castro. Constaba de tres voltas a un circuito que comezaba fronte ao seminario, avanzaba por Ramón Ferreiro ata o final onde se xiraba 180º para voltar polo outro sentido da avenida e seguir pola rúa Rodríguez Mourelo ata o parque onde, de novo, se realizaba un xiro de 180 º para regresar ao inicio de Ramón Ferreiro. A primeira das voltas era máis curta que as dúas seguintes xa que non se facía o tramo do parque. Esto deixaba a distancia final en 4,266 kms (así de precisos somos en Lugo).
Despois de comer e descansar un rato, GasMan e mais eu puxémonos rumbo a Lugo para afrontar a primeira carreira do ano. Algo menos de 200 kms de viaxe en total, para correr menos de 20 minutos..., en fin. Chegamos a Lugo un pouco antes das 19 con tempo de sobra para cambiarnos e recoller os dorsais. En realidade, só GasMan tiña que recoller dorsal e chip porque eu xa tiña o meu dorsal para todo o CCNOS e o chip amarelo. Miramos o termómetro e vemos como marca 12º, uns 18º máis que a última vez que estivemos en Lugo, a finais de Decembro, con motivo da disputa da monumental.
Media hora antes do inicio da carreira, programado para as 19:40, cambiámonos, esta vez sen pasar frío e sen problemas para colocar o dorsal, e acercámonos á zona de saída para iniciar o quecemento. Alucino coa cantidade de rapaces/as que compiten nas categorías inferiores e alégrome da gran afición que hai entre os máis novos por este deporte e penso na gran labor que están a realizar tódolos estamentos implicados nesta cidade. Inicio o quecemento pola zona do parque e enseguida noto as pernas cansas e con pouca chispa... mal sinal para unha proba onde se precisa moita explosividade e a esixencia física é moi intensa. Decido non cansarme moito e vou estirar antes que GasMan que prosegue co quentamento. De súpeto, escoito que chaman aos corredores para que se coloquen na zona de saída e comezo a buscar desesperadamente a GasMan pero non atopo. Pola contra vexo a Suso, do clube de corredores de Becerreá, e tamén a Migueliño, do foro de correr en galicia, e vou cara eles. Saúdoos e miro a un lado e a outro, pero nin rastro de GasMan. Vexo que, de novo, saio prácticamente dos últimos e, esta vez, sí que me trastoca os plans porque esta carreira quería tomala en serio e, sendo tan curta, con tanta xente por diante, non hai tempo nin espazo para recuperar o que perda na saída.
Comeza a carreira e tardo uns 20'' en pasar polo arco de saída. A partir de ahí non atopo sitio para pasar porque a xente que me precede vai máis lenta e tapona toda a rúa. Éntrame un pouco a desesperación e vou a cambios de ritmo, sprintando para adiantar algunhas posicións e freando cando vez que atopo de novo a rúa toda taponada, indo dun lado a outro buscando ocos para pasar, o que me obriga a moverme, por momentos, en zigzag. Tendo en conta que a distancia real era 4,266 kms, seguro que eu fixen uns cantos metros de máis... Tralo primeiro xiro de 180º, a cousa mellora un pouco e o pelotón de populares comeza a estirarse e aparecen máis ocos para pasar. Aínda así sigo sen poder correr en línea recta nin a un ritmo regular. Nese momento, penso que todo ese esforzo vouno acabar acusando ao final porque tanta velocidade, explosividade, cambio de ritmo, sprint... non é o meu formato, prefiro carreiras máis longas e a un ritmo regular.
Pasados os problemas iniciais e con camiño libre, comezo a correr ao máximo ritmo que me permiten pernas e pulmóns. Completo a primeira volta con suficiencia e decido manter ese ritmo e ir adiantando, pouco a pouco, a aquela xente que lle pase factura saír con tanta forza. Cando vexo o tempo no segundo paso por meta, 10:50, véñome un pouco abaixo porque me dou conta de que tardei 7:20 en completar esa volta e teño que facer a seguinte máis rápida para tentar baixar dos 18'. Chegando á zona de "lixeirísima" subida entre o parque e o inicio de Ramón Ferreira, sinto as pernas cansas e acórdome dos alegres esforzos do principio así que baixo un pouco o ritmo para tentar chegar con forzas ao final. Completo esa volta nuns 7:40, 20 segundos máis lento que o paso anterior, case sen folgos e cun tempo total de 18:33, ao que lle habería que restar sobre 20 segundos para obter o tempo neto. A pesar de levar cronómetro, coas presas de adiantar xente ao inicio, esqueceuseme darlle e non poido saber con absoluta certeza o tempo neto. Supoñendo un tempo de 18:11, obtería un media de 4:15 m/km, que sería a miña segunda carreira máis rápida despois de Porriño (aínda que aquel era un 10000 m). Estos resultados deixáronme bastante contento e agora toca seguir acumulando kms para as medias de primaveira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario