martes, 12 de enero de 2010

Carreiras en Decembro (II)

Despois de acabar tan satisfeito a carreira de Lestrove, o meu corpo e a miña cabeza pedían máis carreiras e, a poder ser, que foran en condicións metereolóxicas adversas. A seguinte proba que tiña marcada no meu calendario persoal era a Lugo Monumental, o domingo 20 de Decembro. Era unha carreira que me motivaba especialmente por diversas razóns: prometía un tempo infernal con temperaturas moi baixas e se había un pouco de sorte con neve, era o máis preto da casa que ata o daquela correra e co aliciente engadido de correr por riba dun monumento con preto de 2000 anos de historia e declarado patrimonio histórico da humanidade.

A carreira constaba de 9,8 kms que transcorrían por algunhas das zonas máis coñecidas de Lugo. A liña de saída estaba situada na zona peatonal da rúa Bispo Aguirre e logo de xirar pola rúa Villalba e dar unha pequena volta pola avenida de Ramón Ferreiro, realizábanse dúas voltas prácticamente completas pola Ronda da Muralla. Logo de completar a segunda volta, xiro cara a zona vella de Lugo entrando pola porta de Santiago e unhna volta completa por riba da muralla que nos deixaba a tan só 300 metros da meta que transcorrían polas rúas da zona vella, pasando polo lado da catedral, para rematar fronte ao concello. Un recorrido precioso para unha carreira sen tanta tradición como outras en Galicia, por exemplo a pedestre de Santiago, pero que promete convertirse nun referente para os populares galegos.

Unha vez decidida cal sería a seguinte carreira só quedaba adestrar e coidarse un pouco ante tanta cea de Nadal. Se ben certo é que estaba moi motivado e tiña moitas gañas de facelo ben nesta carreira, non deixa de ser máis preciso que, con estas temperaturas, non apetece nada adestrar e a miña vontade é moi fácil de quebrar ante a posibilidade dunha boa noite de festa. En definitiva, non adestrei demasiado e acabei saíndo, con todo o meu gas, o finde antes da carreira e ese mesmo venres, así que o domingo tocaba correr con resaca diferida. Se non era dabondo correr con resaca e coa metade dos pulmóns inutilizados polo tabaco, pillei uns días antes un catarro que me impedía respirar con normalidade e aumentaba a fatiga á hora de realizar esforzos físicos. A pesar de todos estos contratempos, nada me ía impedir participar na proba, aínda que tivera que arrastrarme para rematar.

A eso das 10 da mañá do domingo plantámonos en Lugo, GasMan, Josef e máis eu. Facía unha temperatura agradable, uns -6º, ideais para a práctica do deporte. Logo de pillar os dorsais, sen ningún problema de aglomeracións (e eso é noticia en carreiras con tantos inscritos), e ver algunhas zonas do recorrido que non coñecía ou non recordaba, fomos resgardarnos do frío a unha cafetería onde me metín un café só para espertar e entrar en calor. A medida que se acercaba a hora da carreira, máis frío me entraba só de pensar que me tiña que cambiar na rúa ata que, vencendo ese desalentador pensamento, fómonos cambiar e preparar todo para comezar a quentar. A temperatura subira pero o termómetro aínda marcaba uns -2º ou -3º. Despois dalgúns problemas para colocar o dorsal e o chip, primeiros estiramentos na praza de San Roque e paseo ata a zona da saída mentres vía como Josef e GasMan se alonxaban porque eles xa comezaron o quecemento. Quedamos en vernos na saída.

Comezo a quentar apenas 10 minutos antes do inicio da proba e vexo á xente do clube de corredores de Becerreá. Saúdoos e procedo a colocarme na zona de saída. Para evitar posibles problemas debidos a que a rúa onde comezaba a carrira é bastante estreira e enseguida hai un xiro a esquerda algo perigoso, establecéronse tres grupos diferenciados pola cor do dorsal. No primeiro grupo estaba a xente que baixara dos 36' en anos anteriores ou nalgún 10000. O criterio seguido para asignar dorsais ao resto de corredores é un misterio aínda a día de hoxe, pero o certo é que a min mandáronme ao terceiro grupo e como cheguei tarde e sabía que mo ía tomar con calma ao principio, situeime atrás de todo. Vamos que saín dende a estación de bus e tardei 45" en pasar pola alfombrilla da saída, xD. Seguimos a -2º aprox, pero coa braga, os guantes e a camiseta de manga larga o frío sopórtase mellor, ademais nalgunhas zonas comeza a aparecer un sol moi agradable.

O primeiro km transcorre con tranquilidade, freado continuamente pola xente que teño diante e empurrando por algúns dos que veñen por detrás con présa. Paso cun fántastico 5:47 que me deixa máis conxelado que a temperatura ambiente, así que decido esixirme un pouco máis, por eso do orgullo. Enseguida comeza unha lixeira subida cara a estación de bus que aproveito para subir pulsacións, coller ritmo e adiantar aos que antes me estaban freando. Comeza a primeira volta pola Ronda da Muralla, que se me pasa rapidísima porque intercala tramos chans con outros de baixada que axudan a recuperar. Noto que estou disfrutando con esta carreira, que me gusta moito o recorrido e que, correndo a 4:40 min/km, vou cómodo e podo disfrutar da paisaxe e ver a toda esa xente tan valente que saiu das súas casas para animar. Sigo adiantando a xente e mellorando os meus tempos por km. O termómetro marca aínda -1º, pero xa non noto nada de frío.

Paso o km 3 e comeza unha subida un pouco máis longa e dura que a da estación. A rúa é moi estreita e a xente que teño diante comeza a acusar o esforzo de saír con tanta alegría e non me deixan avanzar. Teño que pararme literalmente, pero en canto chegamos a Ramón Ferreiro volvo acelerar para superar a ese grupo e así evitarme máis problemas ao longo da carreira. Por mor deste incidente na subida fago ese km nalgo máis de 5 min/km. De novo, subida cara a estación e segunda volta pola Ronda da Muralla. Sigo notando como a ese ritmo non teño ningún problema e que vou acabar a carreira moito máis cómodo do que presumía ao principio. Pasan os kms 5, 6 e chegando ao 7, xusto antes de comezar a volta por riba da muralla, vexo como diante teño a unha parella de rapazas que, en plan risas antes de comezar, dixemos que sería un bo target para que nos marcaran o ritmo. Aguanto un pouco a esa velocidade neste tramo de baixada que me axuda a recuperar e fágolles compaña un par de minutos. Agora o termómetro xa marca 0º e comezo a notar algo de calor (non sexades mal pensados).


Este crack tiña que ser de Becerreá por suposto

Pasado o km 7, afronto a rampa de subida á muralla e o primeiro tramo por riba desta que presenta unha subida tendida de preto de 1 km. Vou bastante cómodo, aínda que as pernas parece que comezan a pesar. Teño que baixar un pouco o ritmo pero vexo que o esforzo lles pasa máis factura aos compañeiros que levo diante e comezo a sobrepasar a un montón de xente. Completo a volta á muralla en 10:36, a uns 4:49 min/km e enfilo os últimos metros polas rúas da zona vella. Miro o cronómetro e vexo que vou baixar fácil de 46', cando o obxetivo era baixar de 48', sendo ambicioso, así que me relaxo e tómome con calme a última recta na que me pasan 2 ou 3 corredores. Finalmente, tempo real de 45:58,. Tanto me relaxei que case non baixo de 46', xD.

Para evitar quedarme frío, diríxome rápidamente cara a zona onde dan o avituallamento e quedo alucinado cando as rapazas voluntarias se ofrecen a quitarme o chip das zapatillas. Dígolles que non, que eu non teño que devolvelo e avanzo ata a carpa onde nos dan unha bolsa con auga, un regalo e "un yogurt coa súa cuchara". A excelente labor da organización e dos voluntarios posibilita que non se formen colas (como ocorre por exemplo na pedestre) e en segundos xa estabas despachado e preparado para irte duchar, cambiar ou o que quieras e así non tiñas que papar frío esperando. Ademais, a carpa colocada pola organización permitíache estar resgardado do frío e da choiva, en caso de que fixera acto de presenza. Nada máis saír da carpa, vexo a GasMan relaxado e a Josef cunha cariña ... que era todo un poema. Comentamos como nos foi na carreira e decidimos que o mellor é irse canto antes. Vexo tamén aos corredores do clube de Becerreá e descubro, con sorpresa, que algún deles non me sacou demasiado tempo. De sabelo houbéralle dado algo máis de zapatilla para facer a carreira acompañado.

Resumindo, unha carreira preciosa, cun recorrido ideal con tramos chans, subidas tendidas e zonas de baixada para recuperar, nunha localización única e cunha organización excelente. As únicas pegas que se lle poden poñer é o extraño tema da asignación de dorsais e que non regalaran camiseta para gardar un recordo, pero polo demais a mellor carreira a que acudín este ano, xunto con Santa Cruz. E que mellor forma de completar un gran día que cunha gran noite por Santa Cristina ...

No hay comentarios: