viernes, 19 de marzo de 2010

Alejandro Valverde

Este martes o Tibunal de Arbitraxe Deportiva (TAS) ratificou a sanción de dous anos de suspensión imposta polo Comité Olimpico Nacional Italiano (CONI) sobre Alejandro Valverde que lle impedirá correr en territorio italiano ata Maio do próximo ano. Sen embargo, esta sentencia semella ser máis grave do que en principio se pode pensar posto que é a primeira vez que un órgano deportivo competente a nivel global admite que existen probas de que Alejandro estaba implicado na Operación Puerto. A consecuencia inmediata será a petición conxunta da Axencia Mundial Antidopaxe (AMA) e da Unión Ciclista Internacional (UCI) para facer extensiva esta sanción a tódolos países, por agora só localizada en Italia.

Ante toda esta sucesión de acontecementos que se remontan ao 2004, cando Alejandro era corredor do límpisimo equipo Kelme - Comunitat Valenciana e o seu médico era "Don Milagros" Eufemiano Fuentes, e que está dando os seus últimos coletazos neste 2010, non me queda outra que preguntarme se é xusto que sancionen a Valverde. Creo que a resposta máis acertada sería ... dende un punto de vista legal, sen dúbida algunha, pero dende un punto de vista deportivo, non está tan claro.

Deixando a un lado todos esos argumentos vanais que xustifican que a famosa bolsa nº18 incautada durante a Operación Puerto, Valv-Piti, se corresponde ou non co sangue de Valverde, basándose en que o seu perro se chamaba ou se deixaba de chamar Piti, o único que está claro é que o máximo estamento legal deportivo declarou culpable a Alejandro de tentativa de dopaxe a vista das probas presentadas pola acusación (CONI). É dicir, o ADN da famosa bolsa coincide co ADN de Valverde e, polo tanto, danos o mesmo que o murciano sen ningunha visión de carreira esté todo o día mareando a perdiz nas entrevistas que concede, intentando convencernos de que non tivo nunca un perro que se chamara Piti.

Esta evidencia supón un cambio radical para a legalidade do proceso que, dende fai preto de seis anos, intenta demostrar a implicación de Valverde no maior escándalo de dopaxe destapado no noso país e impoñerlle as sancións correspondentes. Atrás quedan tódalas especulacións basadas no feito de que a maioría de compañeiros do seu equipo confesaron doparse por aquela época, en que "Don Milagros" Eufemiano Fuentes era o seu médico ou, sendo mal pensados (1), no feito de que se retirara o día despois de subir silbando o Galibier.

A pesar do intento desacerbado de Lissavetzky e da súa cuadrilla de esconder toda a porquería que tiñan entre as mans, meténdoa debaixo da alfombra, poñendo continuas trabas aos organismos internacionais, escudándose en absurdos vacíos legais relacionados coas competencias (ou máis ben a incompetencia dalgún), e sempre presumindo ante os medios deportivos, interesados cómplices, de que en España se facía todo o posible na loita contra a dopaxe, a verdade finalmente sae a luz. Neste aspecto, só me queda expresar a incredulidade e a o sentimento de vergonza que me queda cada vez que penso que tivo que vir o CONI impoñer a xustixa que aquí fomos incapaces de impartir para protexer os intereses dunha serie de persoaxes detestables. Esos mesmos que seguirán pavoneándose de encumbrar o noso deporte ás cotas máis altas endexamais alcanzadas.

Deportivamente, Alejandro Valverde nunca deu positivo en ningún control antidopaxe, a pesar de ser un dos ciclistas máis vixiados do panorama internacional, perseguido durante anos e que, como consecuencia, pasa unha enorme cantidade de controles cada ano. A pesar deso, foi capaz de conseguir importantes éxitos en diferentes carreiras, clásicas, carreiras importantes dunha semana ou a Vuelta a España, ... se cadra con menos suficiencia que cando Eufemiano lle pasaba as súas habichuelas máxicas. Ademais, está demostrado o seu intento de dopaxe pero non se pode demostrar (legalmente), de ningún xeito, que en realidade recurrira finalmente a esas prácticas, ... cecais só gardaba unha bolsiña de sangue para un apuro, xD. Sen embargo, sería inxusto non sancionalo simplemente basándonos neste argumento, xa que outros moitos corredores que tampouco deron positivo en ningún control sí foron sancionados empregando argumentos menos sólidos, como o caso de Rasmussen, expulsado do Tour 2007, poñéndolle desa forma en bandexa o primeiro Tour a A.C., quen encarna a esperanza dun novo ciclismo sen dopaxe.

Ante a certa evidencia de que sí se dopaba cando corría no Comunitat Valenciana (no Caisse d'Epargne seguro que se quitou desas innobles prácticas) e que nunca deu positivo nun control antidopaxe, eu só podo sacar unha conclusión: os controles naquela época non servían absolutamente para nada, situación moi diferente a que se vive nos tempos actuais, onde os corredores dos equipos importantes que se dopan caen como moscas, ... ah! esquecíame que agora non se dopa ninguén.

(1) Recurrindo ao refraneiro popular, "pensa mal e acertarás".

miércoles, 17 de marzo de 2010

VIII Carreira Popular de Padrón

Un tranquilo mes de Febreiro, sen carreiras e con dúas semanas sen poder adestrar por mor dunha lesión no xemelgo dereito, deixou paso a un frenético mes de Marzo, ultimando a preparación de cara á media de León, e coa posibilidade de participar nunha/dúas carreiras cada fin de semana. Logo da suspensión da carreira de Porriñó pola cicloxénese nada explosiva, o único 10.000 que hai en Galicia ao principio de tempada xunto con Xinzo (tampouco fun por motivos climatolóxicos), a seguinte carreira que tiña marcada no calendario era a de Padrón.

A VIII edición desta carreira popular celebrouse o pasado sábado 6 de Marzo, pola tarde como a min me gusta. Constaba de dúas voltas de algo máis de 5 kms, pola zona do paseo do Espolón, para completar unha distancia total de aproximadamente 10,5 kms, completamente chans. Esta foi a miña terceira participación consecutiva neste carreira, sendo, polo de agora, a proba na que máis veces tomei a saída. Nas dúas edicións previas sempre acabei moi xusto de forzas e coa sensación de que, realmente, estaba mellor de forma do que se reflexou na carreira. Sempre hai carreiras que se che atragantan e non sabes moi ben a razón.

Pouco despois de comer, GasMan e mais eu pasamos a recoller a Migueliño, foreiro de Correr en Galicia que coñecimos en Lestrove, e xuntos fixemos o viaxe ata Santiago, onde nos esperaba Josef. Coma sempre que non nos perdemos, chegamos con tempo máis que de sobra a Padrón, recollemos os dorsais, coa decepción de que a nosa amiga voluntaria non estaba e fómonos cambiar para comezar o quecemento. Escasos 10 minutos de carreira suave e xa notei que ía ser un día duro, pernas moi cansas pola "tirada larga" do xoves, da que aínda non recuperara, e dor no xemelgo dereito. Así que toca saír con calma e se quedan forzas progresar na segunda volta.

A pesar de que a organización de Porriño decidiu que era boa idea establecer a nova data para a súa carreira ese mesmo domingo, xuntámonos preto de 500 corredores na saída de Padrón. Comeza a carreira e eu intento seguir o ritmo de Josef durante os primeiros kms pero, un pouco antes de pasar o km 2, a dor no xemelgo intensifícase e decido frear as miñas ansias porque máis vale non lesionarse a dúas semanas da primeira media do ano. Despois dun primeiro tramo de gravilla, entramos nunhna zona de carril bici, de asfalto duro, que me deixa o xemelgo como unha pedra.

E, de repente, antes sequera de chegar ao km 3, as forzas abandónanme por completo e teño a sensación de ir desfondado. Comeza a pasarme xente por todos lados e penso que será compricado acabar a carreira, posto que quedan preto de tres cuartas partes do recorrido. Pero, como facemos todos nestos casos, agocho a cabeza, intento olvidarme desa sensación de que os kms non pasan e só me concentro en dar unha nova zancada. Primeiro paso por meta en 24:30, dous minutos máis que nas edicións anteriores, pero nada deso importa xa.

Dende a VigBay do ano 2008, a miña primeira e única media por agora, non tiña esa sensación de ir tan "apajarado", pero igual que naquela ocasión a forza de vontade puido coas gañas de tirarme a un lado e descansar. Comezo a segunda volta e baixo aínda máis o ritmo para xestionar o gasto das poucas enerxías que me quedan. Os kms pasan moi despacio e, ademais, apenas teño referencias posto que, a maioría de corredores que ían conmigo, fóronme abandoando e os que veñen por detrás tampouco andan moi sobrados de forzas, así que noto esa sensación de inmensa soedade que as veces ten o corredor popular.

Os últimos kms debátense entre o esforzo para acabar e o medo a lesionarme de novo no xemelgo, cada vez máis tocado. Pero, finalmente, chega a recta de meta e paro o crono en 50:44, tardando case 26 minutos en completar a segunda volta. Tempo real de 50:27, a unha media de 4:48 min/km e co anhelo de que chegue a seguinte carreira para ver se consigo desquitarne do mal sabor de boca que me deixou a de Padrón.

Avituallamento en meta variado pero nada sólido que levarse a boca para mitigar a sensación de vacío coa que cheguei. Premio merecido por estar no furgón de cola do pelotón de corredores. Mentres Josef e GasMan esperan a chegada de Migueliño, aproveito para estirar e descansar un rato, pensando que o mellor é que aínda é sábado pola tarde e queda moito fin de semana.

PD: Podedes ler outras crónicas desta carreira con diferentes enfoques en nopinnoglory e delicatesen_cañi.