sábado, 26 de septiembre de 2009

Inglorious Bastards

Malditos Bastardos é o título do novo proxecto do peculiar director estadounidense Quentin Tarantino tralo éxito dos dous volumes de Kill Bill e o experimento cinematográfico de Death Proof, xunto con Robert Rodriguez, director de Planet Terror, en homenaxe ao cine gore cutre dos anos 70. Ademais, senón me traiciona a memoria, trátase da súa primeira película cun marcado trasfondo histórico, dado que a acción se situa durante a ocupación nazi do norte de Francia nos anos da segunda guerra mundial. Unha combinación explosiva: un montón de nazis e un Tarantino desexando darnos a súa delirante visión da historia.


Como non teño demasiado tempo e me levantei máis ben perezoso tentarei facer unha crítica lixeira e fácil de dixerir para os readers. A película conta, de forma atropelada, a historia dun grupo de soldados americanos que viaxa ao norte de Francia, de fora secreta, para tender emboscadas ao soldados alemáns e sembrar o desconcerto nos altos mandos do III Reich. De xeito paralelo, narra o drama dunha moza xudía que sobrevive durante o ataque dun grupo de alemáns que acaba con toda a súa familia, o que lle provoca un enorme desexo de venganza contra todo nazi vestido de uniforme. Obviamente, ambas historias acaban por confluir nun mesmo punto e lugar, o cine que posee en París esta moza xudía que se parece a Scarlett Johansson recén levantada, mirando dende lonxe e con miopía.

Mèlanie Laurent

(Alerta de Spoilers)

A película organízase en diferente capítulos, dun xeito similar ao que acontecía en Kill Bill, cunha estética e cunha banda sonora que tamén recorda por momentos á súa predecesora. E se me apurades e cambiades a Uma Thurman polo amago de Scarlett, aos maniacos yacuzas por nazis e algún pequeno detalle máis....en fin. Malditos Bastardos é, sen dúbida, unha película Tarantino total, onde abundan as secuencias moi moi moi largas con diálogos, preferentemente entre un grupo numeroso de persoaxes, densos, cargados de intensidade, cunha linguaxe directa e, para algúns, repletos de xenialidade, para outros, disparatados, e todo esto misturado con esceas de violencia explícita e cun final ao estilo das traxedias shakespearianas. Pero esta película vai máis alá e estos rasgos, propios do cine de Tarantino, son acompañados de toques de humor máis cercanos ao cine dos irmáns Cohen e cun final que me recorda a aquel capítulo dos Simpson donde Mel Gibson, coa inestimable axuda de Homer, parodiaba o clásico de Frank Capra, "Caballero sin espada" , reescribindo o final desta obra mestra para dotalo de violencia sen sentido e certamente inoportuna. A conclusión é ben sinxela: se es amante do cine de Tarantino, Malditos Bastardos gustaráche, se es amante do bo cine quedarás desconcertado, pensando que a película se fixo excesivamente larga, que fácilmente podía durar 1 hora menos, que o final é un despropósito made in Tarantino e recordarás que Kill Bill era un peliculón.

Para rematar gustaríame expoñer unha lista das cousas que non acabo de entender da película. Con esto non quero dicir que sexan cousas negativas ou positivas, senón que simplemente non me encaixan, quizais debido a miña incapacidade para entender que todo o que fai un director de culto coma Tarantino debe ser considerado unha obra mestra:

  1. A banda sonora que mezcla acordes de "Para Elisa" de Beethoven con música máis propia de pelis do oeste, encaixaban de foma sublime en Kill Bill, pero non acabo de verlle o punto nunha historia plagada de nazis e americanos bastardos.
  2. A actuación de Brad Pitt... como ben me correxiou o amigo GasMan, seguramente gañe moito en versión orixinal, pero os caretos que poñía o bo de Brad recordábanme máis aos que poñía en Snatch, interpretando a un xitano, que aos propios dun oficial americano.
  3. Presentar a un asesino de oficiales da Gestapo como se presenta en Xapón aos participantes dos concursos de humor amarillo resulta cando menos curioso.
  4. Ridiculizar a Hitler sempre resulta atractivo, pero que apareza como un retrasado manipulado polos seus oficiais... non sería tan retrasado se alcanzou o poder en Alemania e convenceu a unha nación enteira para aniquilar xudíos e loitar contra os Aliados na Segunda Guerra Mundial.
  5. Por qué Tarantino nos quixo marear na escea do hall do cine parisino, dando voltas e voltas ao redor de Aldo o apache, Hans Landa e Bridget von Hammersmark, moi ao estilo Michael Bay cun par de copas de máis.
  6. Se estás nunha misión super secreta para asasinar a altos mandos das SS, cunha famosa actriz alemana implicada como axente dobre, e algo sae mal, deixar o escenario onde tivo lugar a reunión para preparar esa misión plagada de nazis mortos e pistas para descubrir o plan, non me parece a decisión máis acertada.
Excepcional no primeiro capítulo a conversación entre o coronel Hans Landa e o dono francés dunha granxa para producción de leite e a metáfora entre os xudíos e as ratas. Sobresaínte o capítulo dous coa presentación dos Bastardos e os seus interrogatorios aos nazis capturados na emboscada, cun interesante manexo dun primeiro plano que cambia de xeito rápido e preciso entre as facianas do interrogador, do traductor e do interrogado. Aburridos os capítulos tres e catro para acabar cun desconcertante final que, sendo sinceiro, me tenía vendo o desenrolo dos acontecemento e sabendo que o director era o señor Tarantino. Os verdadeiros amantes do cine deste director disfrutarán enormemente sentados na súa butaca con este final con innumerables detalles que nos recordan ao Tarantino que, persoalmente, a min máis me gusta, ese Tarantino violento que nos deleita cunha estética coidada con esmero envolta nun halo de perversa fascinación.

Valoración persoal: 4

martes, 15 de septiembre de 2009

XXVIII Maratón Popular San Xoán de Piñeiro

O pasado sábado pola tarde disputouse unha nova edición do Maratón Popular San Xoán de Piñeiro, no concello de Mugardos. A proximidade deste pequeno pobo respecto da Coruña e o feito de que a carreira se celebrara despois de comer, evitounos o típico madrugón dun domingo de carreira popular. Así que, despois de comer relativamente cedo e descansar un pouco, partimos Gasman e mais eu cara un novo desafío popular.

Logo de facer unha pequena excursión por diferentes lugares do concello de Mugardos, conseguimos chegar con tempo de sobra ao centro social onde estaba situada a saída e a meta. Tempo suficiente para escoitar os finais do partido do Eurobasket de España contra Turquía e da etapa con final en Sierra Nevada da Volta a España, en Radio Marca, con Ramón Trecet desquiciando aos comentaristas e ao presentador ... ¡Qué grande! Tempo dabondo para concentrarme de novo antes dunha carreira, escoitando temazos para motivarme, e tempo xustiño para un curto quecemento, motivado pola desinformación sobre a qué hora comezaba a carreira para os adultos.

Esta carreira constaba, nun principio, de 11,3 kms cun perfil bastante rompepernas e coa parte máis compricada, unha subida duns 3 kms, na parte final, que sempre se fai máis dura que se está no comezo, cando as forzas están intactas. Finalmente, por motivos que non puiden escoitar, o recorrido que, inicialmente, se tiña previsto realizar foi modificado e a distancia final foi, aproximadamente, duns 10,6 kms. Aquí podedes apreciar o perfil da carreira que representa con bastante precisión o que nos atopamos no transcurso da proba.


Pasadas as 18:30 da tarde, o reducido grupo de corredores que nos demos cita na saída comezamos a correr. No meu caso, situado nas últimas posicións, como de costume, comecei con moita calma, vendo como se alonxaba rápidamente Gasman, e outros moitos corredores, ata perdelo por completo de vista. Todo o primeiro tramo da carreira fun a un ritmo relativamente cómodo e, a pesar de notar as pernas cansas polos adestramentos durante a semana, afrontei sen demasiados problemas as primeiras subidas coas súas correspondentes baixadas, forzando un pouco nos tramos de subida e logo afloxando o ritmo e descansando nas zonas máis cómodas do percorrido. Durante os primeiros kilómetros tiven á ambulancia xustamente detrás miña, toda unha sensación, co molesto sonido dos seus pitidos de acompañamento verbenero, ata que a xente comezou a descolgarse por detrás e terminei por alonxar ese molesto compañeiro de fatigas.


Despois de aproximadamente 30 minutos correndo e xa máis de 6 kms recorridos, ainda non se manifestaban os primeiros signos de agotamento físico, en parte debido ao ritmo controlado que en todo momento levaba e, en parte, debido a que as condicións climatolóxicas eran bastante adecuadas, cunha temperatura non moi alta e cun ceo nubrado que impedía que o sol quentara e me agobiara só coa súa presenza. Esta circunstancia animoume a forzar un pouco o ritmo cando chegamos a unha longa recta, antes de comezar a parte final en subida... ¡Craso error! Ao finalizar esta recta, a carreira foise endurecendo pouco a pouco ata entrar nunha zona de camiños que subían constantemente con tramos duros e pequenos descansillos que permitían osixenar as pernas. Todo este terreo pestoso, sen apenas metros chans, o paso dos kilómetros e o cansanzo que comezaba a asomar, fixeron que se intensificara a miña dor en ambos tendóns de aquiles, especialmente no dó pé esquerdo, o que me impedían facer un apoio correcto para afrontar as subidas.


Despois de algo máis de 1 kilómetro de subida paso polo km 8 en un tempo bastante aceptable, 36:25, a algo máis de 4:30 m/km. Sen embargo, o cansanzo faise máis presente, a dor nos talóns máis intensa e acompañada da sensación de vacío nos cuadríceps cada vez que tocaba ir cara arriba e, finalmente, a xente que me acompañou durante a maior parte da carreira comeza a abandonarme no meu vía crucis particular. Así que, como case sempre, toca sufrir e tirar de mentalidade para rematar a proba nas mellores circunstancias posibles. Paradiña ao estilo Valverde, recuperando respiración e pulsacións e póñome un ritmo un pouco menos esixente que o que me fixo reventar nese punto. Os kilómetros e os minutos comezan a pasar moito máis despacio, chego ao km 9 e fíxome como obxetivo, mentalmente, o km 10. Neste punto de fatiga máxima, pensando que a carreira son 11,3 kms, paso polo km 10 enfrascado nun punto no horizonte onde remata un novo repeito que, a pesar de non ser tan duro, a min paréceme o peor que tiven que superar na miña corta vida como popular. Alcanzo ese punto que facía uns instantes parecía tan lonxano, rezo para que o kilómetro que penso que queda non sexa en subida e, para a miña sorpresa, atisbo unha meta, a pouco máis de 300 metros, que cría moito máis lonxana. Mirada inquisitiva ao reloxo, como un movemento reflexo do meu organismo, e vexo que se apreto un pouco nese tramos de baixada que me conduce ao final, podo baixar dos 50 minutos. Paro o crono nun tempo real de 49:53, aproximadamente a 4:42 m/km e sensación de que a carreira se me fixo máis dura do que pensaba e do que me gustaría.

Unha vez sobrepasada a meta, atopo a Gasman, intercambio breve de impresións e dos tempos realizados e descubro a mala noticia da xornada, nesta carreira non dan a típica camiseta conmemorativa. Primeira vez que o esforzo non se ve recompensado con ese modesto agasallo, tan apreciado, sen embargo, cando chegamos á meta dun novo reto cumplido. Coa mesma celeridade que quentamos, facemos os estiramentos postcarreira e abandonamos o pobo de Piñeiro cun sabor agridoce que logo se convertiría definitivamente en doce nunha desas noites lexendarias, xD.

jueves, 10 de septiembre de 2009

Lamentable ...

... que un equipo que, fai pouco máis de un ano, estaba loitando pola medalla de ouro olímpica e poñendo en serias dificultades a un dos mellores equipos USA(**) da historia, ao mellor equipo do mundo na actualidade que apalizou ao resto de combinados nacionais, se teña que xogar o seu pase a segunda fase dun europeo fronte a un equipo mediocre, descoñecido e menospreciado no concerto internacional como é Gran Bretaña e, por riba, sufrindo e permitíndolles poñernos en apuros ata o punto de estar eliminados a falta de 2 minutos para o final, para estupor dos aficionados españois (e alegría do resto de veciños europeos).

.... que o suposto mellor equipo FIBA, para Andrés Montes e o seu séquito, dilapide un vantaxe de máis de 15 puntos, no derradeiro cuarto de partido, fronte a un equipo medio dentro do contexto europeo, con bos xogadores que se enrugan nas grandes citas e que teñen como obxetivo máis ambicioso non facer o rídiculo posto que, en ningún caso, poden aspirar ás medallas, para finalmente gañar nun final de infarto con prórroga incluída.


.... que un dos mellores xogadores do mundo e, probablemente, o máis completo a nivel europeo, segundo os diarios deportivos deste gran país, desapareza nos momento máis importantes dos partidos e, cada vez que intenta asumir a responsabilidade, tropece unha e outra vez contra a defensa rival. Un xogador sobrevalorado dende tódolos puntos de vista, con movementos moi coñecidos pola maioría de defensas rivais e demasiado endeble en defensa. Un gran xogador, que no primeiro compromiso da selección neste Eurobasket, lanza 8 tiros libres e só consegue anotar un deles, o derradeiro. Un xogador que no segundo partido, aínda mellorando un pouco a súa porcentaxe, ésta parece máis propia dun xogador aficionado que dun profesional, sen esquecernos que estamos a falar do mellor xogador europeo. A única explicación posible para tan nefastos lanzamentos, tanto dende a tanda de tiros libres como dende a media distancia, pode ser a súa recente lesión no dedo. Pero, nese caso, non entendo como pode xogar máis de 30 minutos e ser o home de referencia no ataque español. Para refrescarvos un pouco a memoria, só dicirvos que a única final que gañamos foi en Xapón de 2006 sen un Pau Gasol lesionado e que os mellores momentos da final olímpica contra EEUU coincidiron, casualmente, cos intervalos nos que Pau estaba descansando no banquillo. E, para rematar con este tema, o que máis gracia me fai é a cara que pon cada vez que perde un balón ou se leva por diante a un defensa, facéndolle honor ao seu nome.


.... que un equipo que basou a súa solidez de antaño na fortaleza do equipo e que conta cun gran número de individualidades de gran calidade (Navarro, Rudy, Felipe, ...) , se ofusca en cada xogada en intentar darlle o balón a un xogador que acaba de saír dunha importante lesión e dá mostras de estar falto de ritmo. Por non mencionar o feito de que non puido adestrar co resto dos seus compañeiros ata prácticamente o inicio do Eurobasket e que non disputou ningún partido amistoso, circunstancia que lle impide estar conxuntado co resto do equipo e causa unha inevitable inestabilidade no xogo colectivo.

.... que un equipo que se convertiu en campeón do mundo e acadou numeros metais noutros europeos, xogos olímpicos, ... con esta mesma xeración de xogadores, gracias a un excelente traballo defensivo que nos permitía recuperar balóns e saír rápido ao contrataque, practicando un xogo vistoso, áxil e alegre, se convertiu nunha selección apagada, sen intensidade defensiva e cun xogo monótono e previsible, basado en buscar balóns interiores para o mellor xogador europeo, xogadas individuais de Rudy ou Navarro que, en xeral, rematan con tiros forzados dende a liña de 6,25 ou en xogadas de bloqueo e continuación base-pívot. É obvio que falta claridade, imaxinación e impovisación e o terceto de bases escollidos por Scariolo non invita ao optimismo. Como se vota de menos a falta de Calderón que, ademais de estas cualidades, aporta sentido ao xogo, amenaza de tiro e unha importante cantidade de puntos no marcador final. Ricky, Cabezas e Raúl están moi lonxe de aportar todas estas virtudes para un equipo.

... que un equipo que aspira a gañar o ouro europeo se presenta no campeonato sen a solvencia que se lle debe esixir e con certos aires de superioridade. Agora mesmo, España é unha selección sen suficiente rigor táctico, tanto en defensa como en ataque, pouco traballada en liñas xerais, con movementos e automatismos arcaicos e, moito me temo, cunha deficiente prepación fisica. Un exemplo claro de todo esto é a vergonzosa zona 2-3 que exhibimos nos tres partidos da primeira fase. Unha zona pouco agresiva, descompensada, cos xogadores deambulando dun lado a outro do parquet porque chegan sempre tarde ás axudas (nótase que están máis lentos do normal) e que, as poucas veces que se puxo en funcionamento, conseguiu, curiosamente, o contrario do seu propósito: facer que os equipos rivais melloren o seu tiro exterior, ... sen comentarios. Pouco queda daquela selección de Aito que presionaba en toda a pista, que sorprendía aos seus rivais con zonas moi agresivas e singulares, como a zona 1-3-1 e que lograba deixar aos contrarios en guarismos moi baixos.

.... que o seleccionador español sexa un técnico sobrevalorado en decadencia e que tenta impoñer un estilo de xogo atrasado, monótono, previsible e que non se adecúa as características dos nosos xogadores.... ter que verlle a cara, no palco do pabellón de Varsovia, ao defectuoso secretario de Estado para o Deporte, o señor Lissavetzky, e ao presidente da FEB, José Luis Sáez, sufrindo co terrible xogo da selección e rezando para que non quedemos eliminados na primeira fase e así evitar o bochorno popular e o rídiculo causado pola súa desastrosa xestión. José Luis Sáez, ese home que decidiu facerlle a vida imposible a Pepu Hernández, o home que nos fixo campións do mundo e que encumbrou o baloncesto ao escalón máis alto en España, ese home que creou unha lexión de seguidores do baloncesto que antes non sabían que existían máis deportes que o fútbol, ese home que transformou unha selección segundona, con grandes xogadores, nun EQUIPO campión, ese home que eliminou dos titulares deportivos a palabra gasoldependencia,... e preguntaredesvos o porqué desa actitude. Pois a resposta é ben sinxela, por diferencias persoais. José Luis Sáez, un visionario, que fai e desfai en función de cada momento, sen dispoñer de ningún plan específico a largo plazo e que contrata técnicos a tempo parcial e con contrato temporal.


... que os aficionados españois prefiramos obviar todos estos argumentos e votarlle a culpa a que Calderón está lesionado, que Pau acaba de saír dunha lesión, que Rudy e Garbajosa están tocados, que Ricky tivo un ano díficil polas lesións e non está ao 100%, ... e seguramente sexa en parte verdade. Ter lesionados ou tocados a 4 xogadores dos 5 que forman o habitual quinteto inicial é un lastre moi importante, pero a realidade é que a calidade dos homes que saen dende o banquillo é moi inferior a dos titulares e insuficiente para formar parte dunha selección campiona do mundo.

PD: Estas críticas respecto da selección española de baloncesto son incuestionables, independientemente de que cheguemos a final do Eurobasket ou o gañemos, cousa probable mentres contemos cun xogador como Navarro que soluciona a papeleta nos momentos máis difíciles, esos nos que o seu gran colega desaparece.


(**) Moi probablemente España sería campiona olímpica se o trío arbitral aplicara con sentido as reglas FIBA co mesmo baremo para tódolos equipos.

martes, 8 de septiembre de 2009

Noite de adiviñanzas

Lendo esta entrada no blog de jaichachu viñeron a miña memoria aquelas interminables noites na residencia universitaria que se prolongaban ata altas horas entre conversacións, chistes malos ou viciando a calquera xogo de PC, ... Unha das cousas que recordo con maior nostalxia son as adiviñanzas que me plantexaba algunhas noites o meu compañeiro e que remataban por atraer toda a miña atención, sen poder durmir, ata conseguir atopar a súa solución. En realidade, tratábanse dunha versión máis refinada e interactiva do tradicional concepto de adiviñanza.

Un interlocutor narra a escea final dunha historia, describindo unha serie de detalles relevantes que a outra persoa debe utilizar para descifrar os acontecementos que desencadearon ese final, realizando de xeito repetitivo preguntas que só poden ser contestadas cun sí ou cun non (tamén se pode responder que a pregunta non é relevante). Deste xeito, só utilizando os datos iniciais e a información que se extrae das sucesivas respostas, debemos ser capaces de descifrar o enigma. Aquí vos propoño un dos acertixos que máis tempo e esforzo me costou resolver:

"Un home entra nunha habitación e atopa a Xulieta tirada no chan, rodeada de auga e cristais por todos lados. Cando se achega á fiestra dase de conta de que está aberta... ¿Que lle aconteceu a Xulieta?"

domingo, 6 de septiembre de 2009

Grandes inventos

O transistor

Este dispostivo semiconductor de estado sólido, presente de forma masiva en absolutamente tódolos aparellos electrónicos que se utilizan na actualidade, é considerado por moitos científicos como un dos inventos máis importantes da historia, tanto pola súa posterior aplicación en tódolos ámbitos da nosa vida, a nivel persoal e industrial, como porque non pode ser entendida a gran evolución (ou revolución) que experimentaron algún campos como as telecomunicacións, o desenrolo hardware de ordenadores, a automoción, ... sen a invención do transistor.

A mediados dos anos 40 as compañías que se dedicaban ao desenrolo de aparellos electrónicos utilizaban un inxenioso dispostivo, denominado tubo de vacío, para regular a transferencia dun fluxo de corriente electromagnética, xa que permitía controlar o movemento de electróns a través do "vacío" a unha presión moi baixa. Sen embargo, este dispositivo presentaba unha serie de incovenientes que dificultaban o seu empleo a gran escala: consumían unha gran cantidade de enerxía, eran pouco resistentes, resultaban fráxiles e un tanto inestables cando eran estresados e o seu tamaño era demasiado grande. Para facernos unha idea da súa dimensión, os expertos insinúan que, se sustituimos os transistores dun móvil actual por tubos de vacío, o seu tamaño sería equivalente ao do Empire State en New York.

Por esa razón, os laboratorios Bell, unha das compañías líder no desenrolo tecnolóxico nesa época, estaban moi interesados no descubrimento dun dispositivo de menor tamaño e con maior resistencia que permitira igualmente controlar o fluxo eléctrico. Un dos investigadores dos laboratorios Bell, o físico estadounidense, William Bradford Shockley, estaba convencido de que esto se podía lograr gracias as singulares propiedades dos semiconductores, materiais que se comportan como conductores ou aislantes da corriente eléctrica segundo a temperatura a que se atopen. Deste xeito, dependendo da enerxía que se aplica sobre o semiconductor é posible regular a súa conductividade do fluxo eléctrico. As investigacións de Shockley sobre semiconductores, que contou coa inestimable axuda de John Bardeen e Walter Houser Brattain, resultaron na construcción do primeiro transistor bipolar no ano 1947.

Este dispositivo estaba formado por dúas pequenas placas de ouro, que conformarían o colector e o emisor, conectadas sobre unha base de xermanio. Para solventar a necesidade de aplicar presión sobre as placas de metal decidiron utilizar un clip que actuaba como unha especie de resorte. Este tipo de transistor denomínase transistor de punta de contacto e foi paulatinamente evolucionando ata converterse no transistor de efecto de campo que se utiliza hoxe en día.


Os seus inventores decidiron darlle o nome de transisor a este novedoso dispostivo posto que aumento amplificado do estado sólido non soaba excesivamente ben. Este término conxugaba as palabras en inglés "transfer" e "resistor", que definen as principales características deste modelo, a posibilidade de transferir un fluxo eléctrico a través do elemento semiconductor e a posibilidade de regular esta transferencia mediante o uso dunha resistencia. William Bradford Shockley, John Bardeen e Walter Houser Brattain foron galardonados co Premio Nobel de Física en 1956 polas súas investigación dos materiais semiconductores e, especialmente, polo descubrimento do transistor. John Bardeen volveu a ser premiado con este mesmo galardón en 1972, xunto con Leon Neil Cooper e John Robert Schrieffer, pola formulación da teoría da superconductividade, convertíndose deste xeito nun dos poucos científicos en recibir dúas veces tan distinguido premio (honor que comparte con Marie Curie, Linus Pauling e Frederick Sanger). Este primeiro modelo dun transistor atópase actualmente exposto no vestíbulo dos laboratorios Bell de Murray Hill en New Jersey.

Este importante descubrimento e a súa posterior aplicación noutro dos grandes avances do século XX, os circuitos integrados, permitiron o diseño de dispositivos electrónicos máis potentes, máis pequenos e con menor consumo que hoxe en día utilizamos e que semella seguirán evolucionando namentres non se alcancen os límites físicos que nos obriguen a emprender un cambio radical de tecnoloxía, da mesma forma que sucedeu cando o transistor sustitiu ao tubo de vacío.

sábado, 5 de septiembre de 2009

Enemigos públicos

A película conta a historia de Jonh Dillinger, un famoso atracador de bancos no Chicago dos anos 30. Dirixida por Michel Mann e protagonizada por Johnny Deep e Christian Bale, o film non só nos presenta un minucioso retrato sobre o apoxeo e decadencia de Dillinger, senón que ademais nos ofrece unha cuidada representación da variopinta sociedade americana da postdepresión económica e dos seus vicios, combinado cun trasfondo histórico marcado pola inicio da creación dunha entidade interestatal estructurada que fixera fronte ao crime organizado, o FBI. Ata a aparición da ola de crimes dos anos 30, provocada pola gran depresión do 29, e de famosos criminais coma Dillinger, a loita contra o crime estaba descentralizada e as competencias repartidas entre as diferentes oficinas de cada estado. Como guinda, ofrécenos unha visión sobre o ocaso da esplendorosa época dos célebres atracos a bancos, da evolución do crime ante esta decadencia e da incorporación da razón e de métodos máis científicos por parte da policía para a detención dos criminais.


A valoración da película desde un punto de vista técnico é impecable, como ocorre na maioría de películas de Michael Mann. A súa excelente dirección, na que combina con gran habilidade o uso (non abuso) de planos curtos con outros máis descriptivos, resulta tremendamente acertada. Os planos curtos contribuen a que, os máis que aceptables diálogos entre os protagonistas, gañen en intensidade, favorecendo unha percepción máis detallada das súas reaccións e emocións, através das que realmente se conta a historia, namentres que o resto contruen o escenario perfecto para desenrolar a trama.

O duelo interpretativo que a priori se plantexa entre Johnny Deep e Christan Bale queda descafeinado, dende o principio, ante a inevitable relevancia que cobra o papel interpretado por Johnny, protagonista absoluto do film, refrendado ademais pola vanalidade da persoaxe interpretada por un correcto Christian Bale, un prometedor detective do FBI. Sen dúbida, moi meritoria a actuación de Johnny Deep, como Jonh Dillinger, moi alonxado dos seus típicos papeles de excéntrico ou de pirata afeminado.


Dos restantes aspectos técnicos destacar a súa coidada fotografía e escenografía (incluindo decorados, vestuario, ambientación...), que representan, con gran afecto polo detalle, a cidade de Chicago da época e as restantes localizacións que formaron parte da historia de Dillinger nesa etapa da súa vida. Predominan os planos e ambientes escuros, sombríos e, en moitas fases, ata difuminados que contribuen a crear unha fermosa atmósfera "gangsteriana" para o espectador. A banda sonora entremistura as clásicas melodías que por entón sonaba nos clubes americanos, con predominio do jazz e do blues, que nos translada dun xeito suave e case despreocupado a eses meláncolicos lugares nesa apaixoante época, con temas máis rítmicos nas escenas de acción que se aproximan, en maior medida, a música propia das pelis de gangsters e que, de inmediato, nos arranca un malicioso sorriso (a todos no fondo nos gustaría haber sido algún desos gangsters que saen nas películas).

O mellor da película, aparte da súa sobriedade dende un punto de vista visual e técnico, son aqueles instantes onde o trasfondo perde importancia e cobra relevancia a historia, cando dous persoaxes (en xeral) manteñen un interesante duelo verbal ou unha conversación que ambos saben que será a derradeira ou incluso nos interrogatorios, onde a música desaparece e só queda o diálogo, os planos curtos que nos aproximan á faciana, aos xestos, ás expresións dos individuos, transmitíndonos medo, sufrimento ou compasión. Nestos instantes aparece esa agradable sensación de que os actores son realmente as persoas que viviron esa historia. Excepcionais son as escenas do cárcere no único encontro entre Dillinger e Purvis (C. Bale) e as esceas do cine en Chicago. Reseñables son, tamén, as esceas dos múltiples tiroteos que acontecen ao largo do film, rodadas con gran esmero e de xeito minucioso, non exentas dunha adecuada dose de acción, para o deleite do espectador.

Como aspectos negativos da película gustaríame destacar a súa frialdade, semellando que Michael Mann centra tódolos seus esforzos en transladarnos, con gran detalle e fidelidade, a historia de John Dillenger, pero obviando os sentimentos que acompañaron a éste ao largo dela. Este rasgo aparece habitualmente na filmografía de Mann, con títulos como Ali ou Collateral. Destacar que este apunte se está facendo dende un punto de vista global, posto que eu prefiro este tipo de películas, nas que apenas se presentan as emocións dos protagonistas e nas que non se profundiza nas persoaxes nin nas súas intrincadas relacións, que películas excesivamente emocionales e, seguramente, moi edulcoradas. O problema desto é que, ao saír do cine, tes a impresión de que esta película xa a viches centos de veces, a historia dun criminal famoso, entreñable, perseguido por un tenaz policía, non deixa de ser un argumento moi manido no cine hollywodiense polo que, para convertirse nunha gran película, debe ofrecer algo máis ao espectador. Por eso, esta película quédase nunha boa película, cun bo guión e técnicamente moi coidada, pero ....

Finalmente, o papel do detective Melvin Purvis está desaproveitado por completo, resultando prescindible a presenza dun actorazo como Christian Bale para tan trivial papel, claramente está infravalorado. A película convértese por momentos nunha exaltación da figura de Dillinger, un criminal que cometeu numerosos asesinatos e que na película aparece como un galán con complexo de Robin Hood que se entremistura coa flor e nata da alta sociedade de Chicago sen que estos se den conta. E mellor non falar da fuga do cárcel de mínima seguridade ... semella máis á parodia dunha fuga de calquera outra película.